A actriz Concha Velasco falece aos 84 anos

A capela ardente da artista quedou instalada no popular teatro La Latina de Madrid

Está previsto que sexa soterrada no Panteón de Personaxes Ilustres, no cemiterio do Carmen de Valladolid

Fotografía de arquivo tomada en setembro de 2020. EFE/Emilio Naranjo
G24.gal 02/12/2023 10:43 Última actualización 02/12/2023 21:02

A actriz Concha Velasco faleceu este sábado aos 84 anos no hospital Puerta de Hierro de Majadahonda (Madrid), segundo confirmaron os seus fillos, Manuel e Paco Martínez.

"Lamentamos informar de que a nosa nai, Concha Velasco, faleceu hoxe sábado 2 ás 02:00 no hospital Puerta de Hierro de Majadahonda, tras recibir os Santos Sacramentos, como consecuencia dunha complicación na súa enfermidade", explica a familia nun comunicado remitido aos medios de comunicación.

A capela ardente da artista quedou instalada despois do mediodía no Teatro La Latina da capital. O funeral oficiarase este domingo na Catedral de Valladolid, a súa cidade natal. Está previsto que sexa soterrada no Panteón de Personaxes Ilustres, no cemiterio do Carmen.

"Non temos máis que palabras de agradecemento para o persoal do hospital, e o das residencias Santa Matilde e Orpea Punta Galea que tan ben coidaron dela nestes difíciles tempos. Somos uns afortunados por gozar da mellor nai do mundo e por recibir o agarimo de tantos españois que a queren e a admiran. Grazas a todos", engaden os seus fillos, que tamén piden unha oración polo descanso eterno da alma da súa nai.

No verán de 2021 a saúde da artista deteriorouse drasticamente e os seus fillos decidiron en marzo de 2022 trasladala a unha residencia. En decembro dese ano tivo que ser ingresada no hospital, con problemas do aparello dixestivo, do fígado e artrite.

Problemas de saúde

Concepción Velasco Varona, nada en Valladolid en 1939, tivo un linfoma en 2014 que a mantivo afastada dos escenarios durante meses e a súa volta foi condicionada a unha vixilancia médica e un repouso que ela mesma recoñeceu que era incapaz de seguir.

O seu último compromiso foi a obra La habitación de María, creada polo seu fillo Manuel, na que interpretaba unha soada escritora, Isabel Chacón, que padece agorafobia e vive recluída nun ático do que non se move ata que un incendio obriga a evacuar o edificio.

O 15 de setembro de 2021, con 81 anos, retirouse definitivamente dos escenarios cunha última representación no Teatro Bretón de los Herreros da Rioxa.

Manuel Martínez, fillo da actriz, chega á capela ardente. EFE/Víctor Lerena Manuel Martínez, fillo da actriz, chega á capela ardente. EFE/Víctor Lerena

Aluvión de mensaxes

O falecemento de Concha Velasco provocou un aluvión de mensaxes do mundo da política nas redes sociais.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sumouse ás condolencias na rede social X pola morte dunha das actrices máis "carismáticas" e "grande entre as grandes", que considera "mito da cultura española".

Para a vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, vaise unha "moi querida amiga e magnífica artista de cinema, teatro e televisión, que forma parte da nosa historia colectiva e teremos sempre na memoria e no corazón".

Tamén a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, quixo enxalzar a figura dunha muller que cualificou de "brillante".

"Déixanos unha parte moi importante da historia do noso cinema, da nosa televisión e, en definitiva, das nosas vidas".

Na mesma liña, manifestouse o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, para quen se perdeu "un mito da canción, o cinema e o teatro", unha verdadeira estrela que non renunciou á sinxeleza, á audacia, ao talento e ao inmenso agarimo do público.

"Artista con maiúsculas"

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, sentiu o falecemento dunha "artista con maiúsculas", que dedicou toda a súa vida ao cinema, o teatro e a televisión. Tamén a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, lamentou a perda dunha "grande actriz, cantante e presentadora".

O presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, sentiu a morte dunha artista "que presumía da súa terra alá por onde fose".

A través da mesma rede social, o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, dixo que a súa perda deixa "os escenarios máis baleiros" e anunciou que a cidade lle renderá tributo a esta "madrileña de Valladolid, Medalla de Ouro da nosa cidade, que nos seguirá emocionando co legado da súa obra".

Concha tras recibir a Medalla de Ouro da Cidade de Valladolid no 2018. EFE/R. GARCIA Concha tras recibir a Medalla de Ouro da Cidade de Valladolid no 2018. EFE/R. GARCIA

Dilatada carreira artística

A eterna chica ye-yé foi unha das artistas máis populares e queridas de España, cunha carreira que comezou moi nova, cando era coñecida como Conchita. Desa primeira etapa son as películas El día de los enamorados (1958), Historias de la televisión (1965) ou Las que tienen que servir (1967).

Velasco dedicou moito tempo ao teatro, con obras como Filomena Marturano (1979), Yo me bajo en la próxima, ¿y usted? (1981) Mamá, quiero ser artista (1986), Carmen, Carmen (1988), La truhana (1992), Las manzanas del viernes (1999), Hello, Dolly! (2001), Inés desabrochada (2003) ou Hécuba (2013).

Entre os seus papeis dramáticos destacan o de Teresa de Jesús na serie de 1983 ou os de Tormento (1974), Pim, pam, pum... ¡fuego! (1975), Esquilache (1989) e Más allá del jardín (1996).

Galardóns

Foi galardoada co Premio Goya de Honra en 2012, o Max de Honra en 2019, o Valle-Inclán á mellor actriz por Hécuba en 2015, o Ondas á mellor actriz por Gran Hotel en 2012 ou a Espiga de Ouro da Seminci por La hora bruja en 1985.

A capela ardente no teatro La Latina. EFE/Fernando Villar A capela ardente no teatro La Latina. EFE/Fernando Villar
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar