A ocupación hoteleira para a ponte rolda o 70 % en Santiago

Será un turismo familiar e nacional, atraído pola oferta gastronómica e cultural

 

 

G24.gal 04/12/2023 14:07

Non é a ponte máis forte para o turismo en Compostela. Así e todo, agárdase unha boa ocupación nos vindeiros días nos hoteis da capital, sobre todo a partir do venres. 

"Varía moito e faltan as reservas de última hora, pero a estimación é do 60-65 % nos hoteis grandes e do 80 ou 90 % en hoteis pequenos e pensións", explica Sara Santos, presidenta da Asociación de Hostalería Compostela. 

Malia non colgar o cartel de completo, as cifras superan as do ano pasado. Será un turismo familiar e nacional que veña atraído pola gastronomía e a oferta cultural. Algúns farán base en Compostela para visitar outros puntos máis ateigados nestas datas, como a cidade de Vigo.

"Como Vigo está moi saturado na Ponte, pernoitan en Santiago, dan un paseo por aquí e desprázanse despois alí. Estamos notando que iso pasa", comenta a presidenta.

Malia que a cifra de peregrinos baixa moito nestes meses de inverno, tamén se agarda a chegada de camiñantes na ponte. Son aqueles que desafían o mal tempo a cambio de atopar unha maior tranquilidade na ruta.

"Eu prefiro camiñar así, case só, encántame".

"Tes máis sitio nos albergues, e o feito de que poida chover ou nevar mentres camiñas tamén engade encanto", comentan dous peregrinos.

Veñan peregrinando ou de turismo, seguro que gozarán de pasear pola zona monumental, vestidos de gala para celebrar o Nadal. Agora só haberá que agardar que o tempo acompañe, porque as previsións falan dunha ponte pasada por auga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar