Publicador de contidos

Publicador de contidos

Jácome cesa o interventor municipal que o denunciou por acoso laboral

Jácome cesa o interventor municipal que o denunciou por acoso laboral

O interventor é un funcionario nomeado por concurso e o Ministerio de Facenda dixo nun informe que non podía ser cesado 

O cesado denunciou o alcalde por acoso laboral e o xuízo tivo lugar esta mesma semana

G24.gal 19/04/2024 19:45 Última actualización 19/04/2024 20:18

O rexedor municipal de Ourense cumpriu a súa ameaza de cesar o interventor municipal, desatendendo o informe da Dirección Xeral de Estabilidade Orzamentaria e Xestión Financeira Territorial, dependente do Ministerio de Facenda.

O informe sinalaba que o titular do posto de traballo de interventor xeral municipal foi nomeado por concurso e que, polo tanto, "cabe entender que non procede a tramitación dun expediente de cesamento por parte do Concello".  

Con todo, Jácome asinou a remoción do interventor nunha medida única a nivel estatal. Jacome xa advertira o interventor no mes de decembro que abría expediente de cesamento.

Agora faise oficial, na mesma semana en que se celebrou a vista oral pola denuncia interposta polo interventor municipal por presunto acoso laboral por parte do rexedor municipal.  

O alcalde volve cesar un funcionario municipal de habilitación nacional, despois de facelo coa tesoureira do concello á que nomeou viceinterventora.

A oposición cre que Jácome só intenta tapar o "colapso económico" do Concello

O Partido Socialista cre que "se trata doutra manobra de distracción ante o estado crítico dos servizos sociais e a situación de extrema inestabilidade orzamentaria" que, din, "non garante sequera poder abonar as nóminas dos traballadores públicos durante este ano".

Consideran que "desvía a atención cara ao funcionario e aos responsables de fiscalizar o traballo do goberno que encabeza" e engaden, ademais, que é cuestión de tempo que o interventor volva ao seu posto de traballo, "respectando os tempos da xustiza" despois da demanda interposta polo presunto acoso laboral. 

"Non podemos máis que rexeitar a maneira de proceder do rexedor e pedimos que tome o temón deste executivo xestionado por Democracia Ourensá S. L., que o único que tenta é demonizar os empregados públicos", afeou a portavoz do PSOE municipal, Natalia González.

Desde o grupo municipal do Partido Popular advirten que o cesamento do funcionario "agravará aínda máis a situación de colapso económico do Concello".

Acusan o alcalde de "vangloriarse cada día nas súas redes sociais de que está a mellorar a cidade", mentres que "o colapso orzamentario é real" e din que desde o PP seguirán "defendendo os traballadores públicos que exercen os seus dereitos en defensa das súas funcións e da súa persoa", así como "censurando a actitude ditadora do grupo de goberno", que aseguran "tenta tapar a súa mala xestión con ataques constantes aos traballadores".  

O Bloque Nacionalista Galego relaciona o cesamento dos máximos responsables da fiscalización económica municipal, ao feito de que o actual Goberno local "non quere que ninguén cuestione nada do que fai e alerte sobre os continuos incumprimentos dos procesos e da legalidade que debe rexer nunha administración pública".  

O portavoz da formación, Luís Seara, apunta que ambos os cesamentos teñen en común o mesmo obxectivo; "tirar cara a adiante sen que ninguén cuestione o que se fai, tapando a grave situación económica na que se atopa o Concello", unha situación que considera "consecuencia dunha nefasta xestión ao longo dos últimos cinco anos con PP e DO, xuntos ou separadamente".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade