Publicador de contidos
Publicador de contidos

Marlaska: "A denuncia contra Gómez susténtase só en mentiras, só procede arquivala"

Marlaska: "A denuncia contra Gómez susténtase só en mentiras, só procede arquivala"

O ministro do Interior subliñou a súa "defensa sen concesións" da separación de poderes e do Poder Xudicial

Bolaños non comtempla outro escenario ao de que Sánchez siga sendo presidente

O grupo ultracatólico Hazte Oír tamén se querela contra Begoña Gómez

O titular de Interior, Fernando Grande-Marlaska, nunha conferencia de prensa na sede da Dirección Xeral de Tráfico, este venres en Madrid (Carlos Luján / Europa Press)
G24.gal 26/04/2024 13:28 Última actualización 26/04/2024 15:08

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou este venres que a denuncia interposta contra a esposa do presidente do Goberno, Begoña Gómez, susténtase en "mentiras" e "falsidades", polo que a única "resolución factible" é que sexa arquivada.

"Creo que é algo claro e evidente que esa querela, esa denuncia, adoece de ningún contido incriminatorio. Susténtase en mentiras, en falsidades", resaltou Marlaska, quen lembrou a súa "bagaxe profesional" para dar forza ás súas declaracións.

O ministro defendeu que, perante esa circunstancia, a denuncia debería terminar en "sobresemento libre, é dicir, un arquivo".

Marlaska, que fixo fincapé na discreción que caracterizou o seu mandato, manifestou sentirse na "obriga" de pronunciarse sobre este asunto, que o pasado mércores levou a Pedro Sánchez a anunciar que se toma uns días para reflexionar sobre o seu futuro.

"Vedes que nestes 6 anos non me pronunciei, pero creo que neste momento e perante esa circunstancia véxome mesmo na obrigación", insistiu o titular de Interior, quen, con todo, subliñou a súa "defensa sen concesións" da separación de poderes e do Poder Xudicial.

Sobre a decisión que Sánchez anunciará o vindeiro luns, o ministro mostrouse convencido de que "o presidente vai tomar a decisión máis adecuada ao interese xeral".

"Creo que xa se cruzaron demasiadas liñas vermellas e creo que era un momento claro e evidente para que o presidente do Goberno puxese enriba da mesa a necesidade dunha reflexión conxunta", concretou.

Bolaños non comtempla outro escenario ao de que Sánchez siga sendo presidente

O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, asegurou este venres que "non estamos en ningún outro escenario" que non sexa que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, continúe séndoo a partir do luns, cando finaliza o tempo que se marcou para a súa reflexión acerca de se segue ou non no cargo.

"O escenario é que podamos, a partir do luns, continuar gobernando con toda normalidade, co presidente á cabeza", insistiu ante as preguntas dos xornalistas á súa chegada á Facultade de Medicina da Universidade Complutense de Madrid, onde entregou os despachos á nova promoción da quenda libre de letrados da Administración de Xustiza.

Tras defender a independencia dos xuíces, o ministro referiuse á denuncia de Manos Limpias por supostos tráfico de influencias e corrupción nos negocios contra a muller de Sánchez, Begoña Gómez, como "unha falsidadee unha chatarra xurídica que non pretende que se condene a ninguén" porque "é imposible que suceda".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade