Publicador de contidos
Publicador de contidos

Trump asiste á selección do xurado do seu xuízo penal en Nova York

Trump asiste á selección do xurado do seu xuízo penal en Nova York

Trump sentará no banco por uns pagos irregulares de 130.000 dólares á actriz porno Stormy Daniels para comprar o seu silencio durante a campaña electoral de 2016

Donal Trump (Europapress-Arquivo) Donal Trump (Europapress-Arquivo)
G24.gal 15/04/2024 16:59 Última actualización 15/04/2024 17:39

O expresidente Donald Trump chegou este luns ao Tribunal Penal de Manhattan para asistir á selección de xurado do seu xuízo penal, o primeiro na historia dos Estados Unidos contra un exmandatario.

Trump sentará no banco por uns pagamentos irregulares de 130.000 dólares á actriz porno Stormy Daniels para comprar o seu silencio durante a campaña electoral de 2016 e que non se airease unha relación extramarital que o magnate tivo con ela en 2006, cando non entrara aínda en política. En total, afronta 34 cargos por delitos graves e ata catro anos de prisión.

Trump chegou ao fío das 9:00 da mañá (13:00 GMT) á corte, inzada de policías, onde hai unha concentración de centos de xornalistas e así como decenas de seguidores e opositores do magnate republicano.

"O amor de 200 millóns"

Antes de entrar na corte, Trump dixo na súa rede social Truth Social: "Cando entro nesa sala do tribunal, sei que terei o amor de 200 millóns de estadounidenses detrás de min e loitarei pola liberdade de 325 millóns de estadounidenses!".

Aínda que a sesión deste luns está dedicada á selección do xurado, o proceso pode durar ata dúas semanas.

Os doce membros do xurado, como é habitual en calquera proceso xudicial, deberán demostrar que non teñen literalmente prexuízos sobre o acusado nin ideas preconcibidas que poidan nubrar o seu veredicto, algo difícil cunha personalidade tan divisora como Donald Trump.

A selección do xurado pode levar ata dúas semanas, nas cales os potenciais membros deben pasar o escrutinio da defensa e da fiscalía, que investigarán por exemplo se algún deles participou como voluntario en campañas en favor ou en contra de Trump, pero tamén por cuestións máis difíciles de calibrar, coma se os seus sentimentos cara ao acusado poden influír nas súas decisións.

O diario The New York Times aseguraba hai uns días que a fiscalía prefire xurados con estudos universitarios, aos que se presupoñen opinións progresistas e máis próximas ao Partido Demócrata, e polo tanto máis severos co expresidente republicano.

Pola contra, a defensa apostará por cidadáns procedentes de corpos de seguridade como a policía e os bombeiros, en que abundan as sensibilidades conservadoras, e mesmo traballadores de limpeza e persoas que tivesen algunha experiencia negativa co sistema xudicial.

Non é casual que o pasado 28 de marzo, o mesmo día en que o Partido Demócrata reunía en Nova York a Joe Biden, Barack Obama e Bill Clinton para un evento de recadación de fondos, Trump optase por contrarrestalos coa súa presenza no funeral do axente de policía Jonathan Diller, morto por un disparo no enésimo incidente armado na Gran Mazá.

Nunha cidade en principio desafecta a Donald Trump, pois o Partido Demócrata sempre arrasa en Nova York, o tema da inseguridade está a ser profusamente explotado polo candidato republicano, que non dubida en vincular a violencia armada coa onda de inmigración e as políticas da cidade e do país de tolerancia cos que acaban de chegar.

Ao xuíz que levará o caso máis mediático da década, Juan Merchan, de orixe colombiana, non lle tremeu a man á hora de decretar unha orde mordaza contra o mesmo Trump, unha ferramenta relativamente común no sistema xudicial estadounidense que consiste en prohibir a un acusado os comentarios públicos, incluso nas redes sociais, sobre os implicados no seu proceso.

A medida impón a Trump absterse de facer comentarios sobre as testemuñas, fiscais, membros do xurado e persoal da corte e familiares. Esa mesma orde foi ampliada o 1 de abril para incluír o propio xuíz e os seus familiares e o fiscal Alvin Bragg.

O expresidente estivera xogando con lume ao atacar na súa rede Truth Social a Loren Merchan, filla do maxistrado, quen, segundo escribiu: "Gaña diñeiro traballando para atrapar a Trump". De seu pai dixo que é un verdadeiro e certificado hater de Trump que sofre un caso severo de síndrome de tolemia contra el.

Merchan, como outros maxistrados que ditaminaron contra Trump nos pasados meses, caso do xuíz Arthur Engoron, son parte, segundo el, dunha conspiración esquerdista radical que desatou contra o trumpismo unha caza de bruxas, a expresión preferida con que Trump se presenta como vítima do sistema. 

A vista podería durar entre seis e oito semanas.

Debido ás regras de Nova York, o xuízo non será televisado, pero haberá unha grande expectación mediática ,que "acampará" tanto fronte á Torre Trump coma preto do Tribunal Penal de Manhattan.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade