A Miteu trae a Ourense unha escolma do mellor teatro universitario e profesional
A Miteu trae a Ourense unha escolma do mellor teatro universitario e profesional
Durante dezasete xornadas hai propostas dende a música ou a danza ata o circo contemporáneo
Ourense leva días somerxida na maxia do teatro da man da Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario que este ano chega xa á súa vixésimo oitava edición.
Da súa man chega cada ano a Ourense unha escolma do mellor do teatro universitario e profesional non só de Galicia, senón tamén do resto de España e Portugal e mesmo de lugares, como acontece este ano, como Guinea Ecuatorial ou Colombia.
Aquí durante dezasete xornadas o teatro chega diariamente ao público con propostas que mesmo van máis aló: dende a música ou a danza ata o circo contemporáneo. A Miteu está agora mesmo no seu ecuador. As representacións non rematan ata o vindeiro 6 de maio.
A Miteu nace no seo da universidade no ano 1996, e aí segue coas súas aulas de teatro case tres décadas despois.
"Hai ganas dos universitarios e universitarias de contar. Son as persoas que ademais van estar presentes no teatro do século vinte e un, hai moita xente que se dedica profesionalmente o teatro ou o audiovisual que saíron das aulas, pero como mínimo van ser persoas que amen o teatro, que tamén saiban falar en público, que se relacionen con outra xente", explica Fernando Dacosta, director da Miteu.
E dese amor polo teatro xurde cada ano unha pregunta que lle da forma a Miteu e que cuestiona que está a pasar na nosa sociedade. Desta volta concluíron que a cultura pode contrarrestar a crispación coñecendo o que fan ou como son outras persoas sen importar a súa raza ou a súa identidade sexual. Falan ademais de xustiza, de guerra, dos presos políticos. Pero tamén da importancia de deixar medar as cousas positivas, como as experiencias que dá o teatro.
"Dáche moitísima vida, moitísimas experiencias, moitísima aprendizaxe, tanto persoalmente como de ampliación de círculo social, viaxes... son moitísimas experiencias boas as que levo acumuladas ata agora", conta Candela López, alumna da Aula de teatro universitario de Ourense.
Din que os ensaios, a preparación, os nervios, sempre pagan a pena.
"Ver a resposta de espectadores e espectadoras e o feito de poder comunicar sensacións, emocións, historias e coñecemento", apunta Fernando Dacosta.
Por diante unha semana de representacións co obxectivo de seguir sendo un ano máis unha fiestra aberta para os amantes do teatro.