Publicador de contidos
Publicador de contidos

Farmacias da Coruña botan man de cancións de verán para insistir na necesidade de protexer a pel do sol

Farmacias da Coruña botan man de cancións de verán para insistir na necesidade de protexer a pel do sol

G24.gal 11/06/2024 20:27 Última actualización 11/06/2024 20:55

Letras de cancións que forman parte da memoria colectiva volven estar de actualidade nas farmacias da Coruña. Deste xeito, o Colexio Oficial de Farmacéuticos lembra a necesidade de protexer a pel. "Evocando as cancións de toda a vida do verán, esta é a de "Eva María se fue buscando el sol en la playa". Engadimos "co fotoprotector" para insistir en que hai que poñer fotoprotector todos os días non só cando vamos á praia", informan na farmacia a unha clienta.

Deste xeito o Colexio Oficial de Farmacéuticos lembra a necesidade de protexer a nosa pel. Importante tamén saber que cantidade de fotoprotector aplicar. "Imos facer a regra dos dous dedos: dous dedos para a cara e para o pescozo, catro para o peito e as costas e catro dedos para cada unha das pernas e dous en cada brazo", explica Blanca González, vogal de Dermofarmacia do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña. 

Especialistas galegos en dermatoloxía alertan de que os tipos de cancro relacionados coa pel, como o melanoma, medraron un 40 % nos últimos anos. En Galicia, segundo os datos dispoñibles, diagnostícanse uns 350 casos cada ano, a quinta comunidade española en incidencia. De aí que insistan, un verán tras outro, nos mesmos hábitos, como repoñer a crema sempre despois do baño.

Tamén hai que ter en conta que hai medicamentos que poden diminuír a protección. "Son medicamentos de uso habitual como os inflamatorios, algúns antibióticos, antiestamínicos, que ás veces poden producir esa reacción de fotosensibilidade na pel", apunta a farmacéutica Blanca González. Tampouco está de máis, din, botar man dunha protección adicional: un sombreiro, lentes e incluso camiseta no caso dos máis pequenos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade