Publicador de contidos
Publicador de contidos

Primavera no Camiño Inglés promove a ruta a Santiago desde A Coruña e Ferrol

Primavera no Camiño Inglés promove a ruta a Santiago desde A Coruña e Ferrol

A feira reuniu os dezaoito municipios polos que transcorre este itinerario

G24.gal 22/06/2024 21:04

Arredor de 10.000 peregrinos completaron o Camiño Inglés no que vai de 2024. É case un trinta por cento máis que o ano pasado por estas datas, un incremento que fala do auxe que vive esta ruta grazas a iniciativas de promoción Primavera no Camiño Inglés, que na súa sétima edición fixo parada na Coruña.

A feira reuniu os dezaoito municipios polos que transcorre a ruta desde A Coruña e Ferrol ata Santiago de Compostela.

"Queremos concienciar a xente da importancia do Camiño Inglés porque moitas veces é máis coñecido no estranxeiro que aquí, entre os nosos veciños, nos lugares por onde transcorreu historicamente o Camiño Inglés", explica Manuel Mirás, presidente de honra da Asociación de Concellos do Camiño Inglés.

Cada municipio promoveu a súa cultura, a súa riqueza natural, a calidade da súa gastronomía. Neda, por exemplo, trouxo o seu famoso pan, e Mesía, a súa tradición gandeira. 

En 2023 percorreron o Camiño Inglés máis de 35.000 persoas. A afluencia aumenta ano tras ano e anima pequenas tendas e comercios como os que mostraron os seus produtos na feira.

"Teño unha tenda de produtos de proximidade  e moita da xente que fai o percorrido pasa por diante e levan moitos produtos de aquí, galegos", relata a propietaria de Ecoterra, situada en Culleredo

"Somos Reserva da Biosfera, por nós pasan os dous camiños, o de Ferrol e o da Coruña, e hai que aproveitar estas feiras para darnos a coñecer", subliña Paula Patiño, de A Castrexa, en Cambre.

Degustacións, obradoiros para os nenos e actuacións musicais completaron o programa da feira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade