Ángeles Vázquez no Cumio do Clima: "É o momento de dar un gran impulso"
Ángeles Vázquez no Cumio do Clima: "É o momento de dar un gran impulso"
Galicia adhírese a avanzar na redución de gases de efecto invernadoiro
A conselleira de Medio Ambiente participa este domingo na Asemblea Xeral da Coalición Under2 no marco do Cumio do Clima que se celebra en Glasgow. Alí, Ángeles Vázquez ratificará a adhesión de Galicia a un memorando con outras administracións para avanzar na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.
Nunha entrevista na Radio Galega, Vázquez salientaba que "é o momento de dar un grande impulso".
"A mensaxe é non ao fatalismo, si ao optimismo, que todos nos poñamos a traballar ó igual que o está facendo Galicia"
A conselleira de Medio Ambiente asegura que "imos polo bo camiño" e remarca que en Galicia xa se reduciron as emisións un 23,8%. Lembra que o compromiso é chegar a unha redución do 55% en 2030 e a un equilibrio de emisións e absorcións en 2050.
Ángeles Vázquez salienta que o seu departamento traballa nunha futura Lei do Clima. Entre outras cousas, avanza que a normativa blindará a neutralidade climática, recoñecerá o clima de Galicia como suxeito de dereitos ou establecerá unha nova norma xeral de prioridades.
Vázquez tamén cita entre os piares da política da consellería o desenvolvemento da Estratexia de Biorresiduos 2022-2023 e indica que "en decembro de 2023 todos os galegos temos que ter preto dos fogares implantado o quinto contedor, o marrón, para os biorresiduos".