Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chega a Irlanda a tripulación do Nuevo San Juan, onde agardan a repatriación

Chega a Irlanda a tripulación do Nuevo San Juan, onde agardan a repatriación

Os tripulantes terán que declarar ante as autoridades e atópanse todos ben e tranquilos

As perdas materiais son moi cuantiosas, xa que o barco é irrecuperable 

G24.gal 03/07/2023 11:08 Última actualización 03/07/2023 16:14

A tripulación do Nuevo San Juan, o palangreiro burelao incendiado en augas do Gran Sol, xa está en terra. A primeira hora deste luns chegaban os quince homes, sans e salvos, ao porto irlandés de Castletownbere, tras seren rescatados polo arrastreiro vigués Nuevo Confurco.

Alí quedan á espera da súa repatriación, informou este luns un portavoz do ministerio de Transporte de Irlanda.

"Hai seis indonesios, un peruano e os outros oito son galegos. Dentro da desgraza, non houbo ningunha vítima", di Sergio López, xerente da Organizacion de Produtores Pesqueiros de Burela,

O pincheiro incendiado, que se dedicaba á captura de pescada, estaba valorado en varios millóns de euros. Había pouco máis dunha semana que realizara unha descarga en Burela en perfectas condicións.

"O barco aínda non se afundiu, pero segue ardendo e é irreparable. O lóxico é que acabe afundíndose", lamenta López.

Sobre as causas do incendio, nada se sabe polo momento. O patrón deberá dar conta do acontecido a través dunha protesta de mar, acta á que se sumarán as declaracións dos tripulantes.

"É unha acta onde se recollen as distintas declaracións. O que sería nun avión unha caixa negra, pero de forma manual. Neste caso, afortunadamente, as declaracións serán de todos", explican desde a Organizacion de Produtores Pesqueiros de Burela:

Doutra banda, a Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos tratará de esclarecer a orixe do incendio.

O lume comezou mentras estaban pescando no Gran Sol

Salvamento Marítimo recibiu un aviso do Nuevo San Juan pouco despois das 07:00 horas do pasado domingo non seu centro de Fisterra por un incendio a bordo mentres traballaba en augas do Gran Sol, en zona SAR británica. Con esta información, Salvamento informou o seu homólogo no Reino Unido, que desviou varios buques á zona.

Sobre as 07:45 efectuou o rescate o Nuevo Confurco, pesqueiro con porto base en Vigo, que evacuou a todas as persoas en bo estado a bordo de dúas balsas salvavidas.

O Nuevo San Juan é un palangreiro de fondo que está activo desde maio de 1999 e pertence ao censo unificado da frota de NEAFC, realiza a súa actividade en augas do Gran Sol e de Francia, no golfo de Biscaia, dedicado especialmente ás capturas de pescada do pincho. Ten 31,5 metros de eslora. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade