21 anos despois dos atentados de Nova York a dor segue presente
21 anos despois dos atentados de Nova York a dor segue presente
Pasaron xa 21 anos do atentado terrorista que cambiou o mundo A paixaxe urbana de Nova York mudou aquel 11 de setembro de 2001. Onde daquela estaban as Torres Xemelgas agora hai esta praza para a memoria e a lembranza das case tres mil persoas que faleceron no ataque terrorista de Al Qaueda.
Dúas décadas despois, na zona cero ergueuse o Museo do 11 de Setembro, unha data que quedará para sempre marcada na historia.
Os neoiorquinos conmemoraron nunha mañá gris, o 21 aniversario dos atentados terroristas contra as Torres Xemelgas e o Pentágono, nas que preto de tres mil persoas perderon a vida, coa mesma solemnidade e dor ca os familiares das vítimas e coa asistencia da vicepresidenta dos Estados Unidos, Kamala Harris.
Con anterioridade aos actos houbo minutos de silencio á hora daquela inesquecible mañá en que tres avións que foran secuestrados o 11 de setembro impactaron contra as Torres Xemelgas, que colapsaron e quedaron reducidas a cascallos, e contra o Pentágono, mentres que un cuarto caeu nunha leira en Pensilvania, cambiando a historia deste país.
Despois de 21 anos dos ataques terroristas, aínda hai restos de máis de mil vítimas dos ataques que non puideron ser identificados e moitos dos que traballaron na remoción de entullos e limpeza de edificios están enfermos ou morreron de cancro.
Como parte dos actos conmemorativos, varios edificios, entre eles o concello, o Empire State Building, o One World Trade Center e a estación do metro Penn Station iluminaranse en azul esta noite.