Tres días de loito en Vigo pola morte dunha nai e tres fillos nun incendio
Tres días de loito en Vigo pola morte dunha nai e tres fillos nun incendio
O lume comezou ás catro da mañá no vestíbulo do inmoble
O pai e unha nena salvaron a vida ao pendurarse da fiestra
O lume declarouse pouco antes das 4 da madrugada no número 6 da rúa Afonso X, preto da Praza América.
"Ladraba o can e díxenlle ao meu mozo: Vai á porta a ver que pasa", contaba unha veciña. O seu mozo relata: "Escoitei pasos, saín pola porta e xa había fume".
O incendio comezou no portal do inmoble, aínda que algúns veciños falan tamén de lapas no quinto e último piso. "Pareceunos raro porque estaba ardendo e caendo a porta, o segundo estaba máis tranquilo, e no último saía moitísimo fume negro", contaba unha testemuña.
No edificio había unha trintena de persoas que de inmediato entraron en pánico. "Escoitaron 'lume, lume!', e os nenos saíndo pola fiestra, xente que se quería tirar pola ventá, os veciños berrando", relataba a veciña doutro inmoble. Os bombeiros chegaron en poucos minutos, cando algúns veciños xa estaban loitando contra as lapas.
"Estaban a policía e os veciños con extintores intentando apagar eles mesmos o lume da porta", dicía unha muller.
A evacuación foi inmediata, pero pronto descubriron que non todos os inquilinos saíran do edificio. "Faltan unha nai e tres nenos", contaba unha das primeiras evacuadas.
Pronto se confirmaban os peores temores. O bombeiro José Villar explicou: "Estaban os catro falecidos practicamente na saída da porta da súa vivenda".
Rosana, de 30 anos, e Aldara, Ezequiel e Sara, de 11, 12 e 14, vivían no cuarto piso. O resto da familia, o pai e un bebé, lograron salvarse despois de que o home metese o pequeno na camiseta e permanecese case un cuarto de hora pendurado da fiestra.
Outros oito veciños quedaron feridos durante a evacuación, e tamén un bombeiro. "Ao resto da xente atendémola desde os servizos sociais e os servizos de emerxencia buscándolle un aloxamento", explicou Patricia Rodríguez, concelleira de Seguridade de Vigo.
Segundo os veciños, o edificio tiña cortadas a auga e a luz. Agás nun piso de renda antiga, todos os inquilinos eran ocupas. Os bombeiros xa denunciaran varios conatos de incendio no pasado.