Sete mil manifestantes piden en Madrid a abolición da prostitución
Sete mil manifestantes piden en Madrid a abolición da prostitución
A marcha foi convocada pola Plataforma Estatal de Organizacións de Mulleres pola Abolición da Prostitución
Reclaman, entre outras medidas, que se penalice a clientela
“Abolición da prostitución”, berran as mulleres que secundaron a marcha convocada este sábado en Madrid.
"Ten que ser abolida, porque compromete a vida, a seguridade e a integridade e a saúde de milleiros de mulleres no noso país e en todo o mundo”, asegura Rosario Carracedo, portavoz da Plataforma de Mulleres para a Abolición da Prostitución.
A plataforma abolicionista pretende acabar cun negocio que, segundo datos da Fiscalía, xera 5 millóns de euros diarios para os proxenetas.
"Estamos sendo sexualizadas por un sistema que nos considera cousas", di unha manifestante.
A Policía estima que máis do 80 % das mulleres prostituídas en España son vítimas de trata sexual.
"Ademais de traballar nun piso ou nunha rúa, tes que ir a sitios descoñecidos en coches, a miradoiros ou a sitios abandonados, e non sabes se vas saír viva ou morta", di unha muller prostituída.
"Necesitamos leis que garantan a inserción sociolaboral destas mulleres, leis que lles dean alternativas reais, que vencellen a inserción coa regularización, e tamén se necesita educación", explica Begoña González, de Médicos do Mundo.
O Congreso aprobou este xoves a lei de garantía integral da liberdade sexual, que inclúe a prohibición dos anuncios de prostitución. As medidas abolicionistas, que estaban incluídas no borrador da lei, quedaron fóra tras meses de negociacións entre os socios do Goberno.