Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Administración prorrusa de Khersón comeza a evacuar civís da rexión

A Administración prorrusa de Khersón comeza a evacuar civís da rexión

A Administración local calcula que se evacuarán entre 50.000 e 60.000 persoas

Finlandia decide construír un valo na súa fronteira con Rusia

Cidadáns de Khersón agardan subir ao barco que os traslada á outra beira do Dniéper Cidadáns de Khersón agardan subir ao barco que os traslada á outra beira do Dniéper
G24.gal 19/10/2022 11:19 Última actualización 19/10/2022 11:54

Comezou a evacuación de civís da rexión ucraína de Khersón, anexionada por Rusia, segundo informa a Administración da localidade de Alyoshki, situada na marxe esquerda do río Dniéper e satélite da capital provincial no sur de Ucraína.

"No porto de Khersón comezou o traslado dos residentes na marxe dereita á marxe esquerda do Dniéper", din as autoridades.

Segundo aseguran, "habilitáronse transbordadores que trasladan á xente de Khersón a Alyoshki e a Gola Pristan".

Na véspera, o gobernador en funcións da rexión, Vladímir Saldo, chamou a poboación a abandonar catro municipios situados na marxe dereita do Dniéper polo perigo de bombardeos ucraínos.

A Administración local calcula que os evacuados oscilen entre os 50.000 e os 60.000, segundo especificou este mércores a televisión pública rusa.

Segundo declarou Saldo, só nos últimos dous días "máis de 5.000 persoas saíron de Khersón".

O gobernador interino anunciou tamén que se prohibirá durante sete días a entrada de civís á rexión, coa excepción daqueles "que reciban un pase da comandancia militar e aqueles que traballan no abastecemento e servizo dos servizos comunais", dixo.

Ademais, indicou que a Administración pública trasladará a súa sede da cidade de Khersón á marxe esquerda do Dniéper.

Ofensiva das tropas ucraínas

Pola súa banda, os servizos de emerxencias locais denunciaron hoxe que "o Exército de Ucraína tentou ás 09:46 o bombardeo da cidade". "Os sistemas de defensa antiaérea derrubaron cinco mísiles", informou un representante de Emerxencias, citado pola axencia oficial TASS.

O vicegobernador, Kiril Stremoúsov, asegurou pola súa banda que o Exército ruso "fortalece a liña de defensa". "Preparámonos para repeler calquera ataque. Por agora a situación é estable, non existe o perigo de que o inimigo se penetre na rexión", engadiu.

Máis ao norte, os prorrusos denunciaron este mércores un intento do Exército ucraíno de tomar a central nuclear de Zaporiya. Segundo aseguran trataron de realizar un desembarco con máis de 30 lanchas nas proximidades da cidade de Energodar, na que se atopa a central.

O activista prorruso Vladímir Rogov afirma que o ataque que foi repelido polas forzas rusas. "O combate durou varias horas, non menos de tres ou tres e media. O intento de desembarco foi rexeitado", afirmou o líder do movemento "Xuntos con Rusia" na rexión de Zaporiya.

As autoridades da cidade de Energodar denunciaron que o Exército ucraíno atacou con mísiles estadounidenses HIMARS a sede da administración local, unha ponte de acceso á cidade e unha subestación eléctrica, e como consecuencia a cidade quedou ás escuras.

Finlandia acorda levantar un valo metálico na súa fronteira con Rusia

O Goberno finlandés logrou o apoio de todos os partidos políticos para construír un valo metálico nos tramos máis vulnerables da súa fronteira con Rusia, co obxectivo de frear a inmigración ilegal.

A medida foi apoiada por todos os grupos parlamentarios durante unha reunión consultiva que mantivo o Executivo na tarde do martes cos líderes do resto de partidos.

"Trátase de poder asegurarnos de que a fronteira está ben vixiada e de ser capaces de anticiparnos ao que poida ocorrer nela", afirmou á prensa a primeira ministra finesa, Sanna Marin.

O proxecto, cuxos detalles deben aínda ser concretados, contempla a construción dun valo metálico de varios metros de altura con concertinas na súa parte superior e cámaras de videovixilancia nos tramos considerados de maior risco.

En conxunto, o enreixado terá unha extensión total de entre 130 e 260 quilómetros, o que supón entre o 10 e o 20 % dos 1.340 quilómetros de fronteira que separan Finlandia e Rusia.

Está previsto que as obras duren preto de catro anos. Inicialmente construirase un tramo de proba duns tres quilómetros na fronteira do sueste finlandés, a máis transitada pola súa proximidade con San Petersburgo.

Finlandia ten a fronteira con Rusia máis longa da Unión Europea (UE) e a segunda de Europa (despois da de Ucraína), e responde así o aumento das tensións con Moscova por mor da invasión rusa de Ucraína e do proceso de adhesión de Finlandia e Suecia á OTAN.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade