A patronal eólica ve positivo que os parques sexan de "interese público superior"
A patronal eólica ve positivo que os parques sexan de "interese público superior"
A Asociación Eólica de Galicia amosa a súa preocupación pola paralización xudicial de varios parques
Alerta de que esa paralización supón un risco para máis dunha trintena de proxectos industriais
Desde a Asociación Eólica de Galicia valoran moi positivamente que a Xunta declare de "interese público superior" os proxectos eólicos, unha medida que se encadra no regulamento europeo polo que se establece un marco "para acelerar a despregadura de enerxías renovables"
"Europa ten un problema gravísimo de enerxía, porque dependía un 50 % dos países de fóra de Europa. O que se vai facer é que durante dous ou tres anos este tipo de proxectos eólicos van por riba do interese medioambiental", di Manuel Pazo, presidente da Asociación Eólica de Galicia.
Isto acontece nun contexto de paralización xudicial de varios parques eólicos tras os recursos de plataformas veciñais e de organizacións medioambientais. A Asociación Eólica de Galicia defende a necesidade de producir na nosa comunidade enerxías renovables baratas.
"Nós xeramos a 30 euros, mentres que os combustibles fósiles están xerando a 150, ou sexa cinco veces máis. O que temos que facer é máis enerxía renovable, Galicia conta con sitios privilexiados", destaca.
A patronal do sector alerta de que esa paralización xudicial dalgúns parques eólicos vai poñer en risco máis dunha trintena de proxectos industriais en Galicia.
"As empresas colócanse onde se produce enerxía barata. A UE quere renovables, novas renovables para que esas industrias se instalen aquí e esas industrias están esperando que nós poñamos en funcionamento estes parques eólicos que temos en carteira", engade.