Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Audiencia reabre o caso Maruxaina por comprometerse a intimidade de mulleres

A Audiencia reabre o caso Maruxaina por comprometerse a intimidade de mulleres

A sala revogou a decisión de arquivar o caso adoptada polo maxistrado do Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro

G24.gal 11/11/2021 18:33

A Audiencia Provincial de Lugo ordenou que se reabra a investigación sobre as oito decenas de mulleres que foron gravadas mentres ouriñaban nun canellón de San Cibrao, en Cervo (Lugo), durante a celebración da festa da Maruxaina no verán de 2019.

Os maxistrados conclúen nun auto notificado este xoves que se viu comprometida "a intimidade dun grupo de mulleres", polo que decreta que se investigue "sobre quen e como realizou as gravacións".

A sala revogou, por tanto, a decisión de arquivar o caso adoptada polo maxistrado do Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro.

Fronte á resolución deste xulgado, o alto tribunal provincial entende que, como mínimo, débense practicar as dilixencias, solicitadas polo Ministerio Fiscal e dúas das denunciantes, "para determinar o lugar concreto e a forma en que foron colocados os elementos de gravación".

Con todo, insta a realizar "cantas dilixencias de investigación considere procedentes o instrutor para poder culminar a investigación dos feitos". O auto difundido hoxe, "en principio e sen prexuízo do que se poida chegar a xustificar no curso da investigación", considera que os elementos que se usaron para as gravacións foron situados en lugares "insidiosos" para evitar ser descubertos.

Por iso, os maxistrados apuntan que coa investigación debe establecerse "se era un lugar apartado ou reservado", xa que, "en aparencia, e a falta de maiores concrecións", está "apartado da vista de persoas alleas".

Os xuíces tamén aseguran que, en principio, "quen actuou colocando os elementos de gravación era coñecedor de que era un lugar reservado e que xa viña sendo utilizado en anos anteriores para poderen ouriñar as mulleres sen estaren á vista de terceiros".

Finalmente, a sala subliña que o concepto de intimidade non se pode limitar ao ámbito doméstico ou privado e remarca que o Tribunal Constitucional "declara expresamente que o ámbito de cobertura deste dereito fundamental vén determinado pola existencia dunha expectativa razoable de privacidade".

Así, por exemplo, establece que cando unha persoa se atopa nun espazo inaccesible ou nun lugar solitario debido á hora do día "pode conducirse con plena espontaneidade, na confianza fundada da ausencia de observadores".

Cronoloxía do caso

O caso remóntase á Festa da Maruxaina de 2019, cando unhas 80 mulleres foran gravadas mentres ouriñaban nunha pequena praza da vila de San Cibrao. Un ano despois, varias das afectadas foron alertadas de que esas gravacións vexatorias circulaban por webs porno. 

Daquela presentáronse unha serie de denuncias, tanto de forma individual como colectiva, ás que se suman as demandas de Mulleres en Igualdade de Burela e mais o propio Concello de Cervo.

Malia todo, o titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Viveiro arquivou o caso en marzo deste ano, ao considerar lícitas as gravacións realizadas en espazos públicos, á vista dos transeúntes. Pola súa parte, as denunciantes, ademais da Fiscalía, recorreron o ditame. 

En setembro, o mesmo xuíz desestimou os recursos e ratificou o arquivo do caso cos mesmos argumentos. Foi entón cando as denunciantes recorreron o ditame ante a Audiencia Provincial, que finalmente revogou o arquivo ao entender que as mulleres se atopaban nun lugar apartado.

Ademais, o auto da Audiencia ordena que o xuíz de Viveiro lle solicite a unha páxina web que identifique quen subiu as imaxes e indague quen arrendou un dos coches onde se colocaron as cámaras que gravaron os vídeos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade