A banca empeza a lanzar produtos para atraer o aforro dos consumidores
A banca empeza a lanzar produtos para atraer o aforro dos consumidores
Aumenta a rendibilidade dos depósitos fixos a curto prazo
Segundo os datos do INE, no segundo trimestre do ano volveu baixar a taxa de aforro nos fogares. Estímase que aforramos o 16,1 % da renda dispoñible, cando no mesmo trimestre de 2021 aforrabamos o 21,1 %.
A culpable: a inflación. "Sempre se di que a inflación é grande inimiga do aforro", explica a economista María Bastida, porque "cos mesmos cartos que tiñas o ano pasado, compras menos bens e servizos".
Por iso a recomendación para os que poden aforrar algo é buscar maneiras de sacarlle rendemento. "Os cartos que tes na conta van perdendo valor, polo tanto, hai que mobilizalos", aconsella Bastida.
Explica que a banca empeza a mellorar as condicións dos produtos de aforro, porque interesa captalo. Cando o Banco Central Europeo sobe o tipo de xuro, á banca cústanlle máis eses cartos, así que -segundo a profesora Bastida- "sáelles máis a conta pedirlles os cartos prestados a quen os ten no banco". É por iso, di, que empezan a render máis eses depósitos de aforro.
O atractivo é que remuneran os depósitos que se manteñan a curto prazo. "Son produtos cun risco baixo", di Nerea Rivero, técnica de Adicae. Explica que ademais ata 100.000 euros están garantidos polo Fondo de Garantías de Depósito.
Para Rivero, pode ser "bo momento para contratalos" porque están subindo os tipos de xuro e eses depósitos "están tendo maior rendibilidade". É aconsellable en todos os casos? Para ela non, porque "é un diñeiro que temos que depositar e do que non podemos dispoñer cando nós queiramos".
Por curto que sexa o prazo para o depósito, recomendan estudar ben as penalizacións en caso de ter que sacar os cartos antes do previsto.