A borrasca Juliette empuxa aire polar a Galicia e deixa mínimas de case menos dez graos
A borrasca Juliette empuxa aire polar a Galicia e deixa mínimas de case menos dez graos
O sur de Ourense, a montaña de Lugo e Ourense e a metade sur de Lugo, baixo cero
Os meteorólogos prevén que a friaxe empece a remitir mañá
A borrasca Juliette afecta sobre todo o Mediterráneo, pero tamén é a responsable destas temperaturas xélidas en Galicia. En Calvos de Randín, no sur de Ourense, chegaron esta noite a 9,6 graos baixo cero.
Débese a unha masa de aire polar continental, moi fría e seca. "Non afecta Galicia directamente, pero dun xeito indirecto, axuda a que chegue esa masa de aire frío polar continental. Por exemplo, no día de hoxe temos o valor mínimo en Calvos de Randín, con menos 9,6 graos", di Ana Lage, meteoróloga de Meteogalicia.
Na montaña de Lugo e Ourense rexistráronse tamén mínimas xélidas. "As temperaturas baixaron esta noite e a noite pasada ata os seis graos baixo cero. En Lugo, no mes de febreiro só houbo cinco días en que non xeou", engade Lage.
A cota de neve estaba pola mañá a 400 metros, e irá subindo ata os 800 o longo do día.
"Eu estes días tiven moito frío", di unha veciña da Pastoriza, Lugo. "Non se para de frío, e inaguantable". "Había tres graos, menos tres esta mañá", protestan.
Para outros veciños, en cambio, a neve é boa. "Estamos na temporada, se non neva agora, cando nos vai caer". "En fin, o inverno veu sempre e ten que vir". "Que siga así, isto é bo tempo", din.
Os meteorólogos prevén que a borrasca empece a remitir a partir de mañá.