A borrasca Nelson vaise retirando, pero deixa choiva en Galicia e neve na península
A borrasca Nelson vaise retirando, pero deixa choiva en Galicia e neve na península
O temporal levará precipitacións intensas a Andalucía e ao oeste do Sistema Central
Dende que tocou terra o pasado mércores, a borrasca Nelson segue empeñada en que as xornadas festivas acaben pasadas por auga, vento e frío.
En Galicia, tras deixar numerosas alertas no mar e nas estradas, MeteoGalicia non rexistra ningunha alerta para as vindeiras horas, aínda que xa apunta cara a unha nova liña de inestabilidade que está a entrar polas provincias da Coruña e Pontevedra, e que irá deixando máis choiva.
As temperaturas continuarán baixas, entre catro e oito graos pola noite, e a cota de neve diminuirá por debaixo dos mil metros. As procesións previstas para este sábado en Ferrol e Viveiro terán que estar moi pendentes do ceo.
A predición non pinta mellor para o resto da xeografía española. Tras deixar catro vítimas, dúas en Asturias e dúas en Cataluña por mor da ondada, o temporal levará choiva intensa a Andalucía e ao oeste do Sistema Central, segundo a Aemet.
Chuvia e vento
En Sevilla os 60 litros por metro cadrado recollidos en Gerena, rebordaron regatos e bloquearon estradas. No litoral de Málaga, acadáronse refachos de ata 60 quilómetros por hora e en Cádiz o porto de Tarifa tivo que pechar as súas conexións con Ceuta e Tánxer.
En Guadalaxara, Toledo e Cidade Real seguían con preocupación o nivel de moitos ríos.
A axencia meteorolóxica ten rexistrados máis de 40 avisos amarelos que afectan a metade da península. Moitos deles son por neve nos Pireneos e na meseta.
Ata o luns
As previsións apuntan a que ata o vindeiro luns non se apreciará unha significativa melloría do tempo, aínda que non cómpre confiarse. Para este domingo, Metelogalicia xa recolle un aviso amarelo por vento no litoral coruñés.