A CEMMA imparte un simulacro de rescate de animais mariños en Caión
A CEMMA imparte un simulacro de rescate de animais mariños en Caión
A CEMMA insiste en que se chame o 112 en caso de atopar animais mariños varados
A actividade repetirase a vindeira fin de semana en Malpica
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) impartiu en Caión, no concello da Laracha, un simulacro de rescate de animais que poden aparecer nos areais, feridos ou moribundos. O obxectivo é aprenderlle á xente como debe comportarse con eles.
Achéganse os temporais e o mar bota fóra non só argazo e lixo, tamén, en ocasións, tartarugas ou cetáceos moribundos. En Galicia hai ata 24 especies que varan na nosa costa e que podemos atopar sen saber moito como actuar.
Foi o que lle pasou a Raquel hai un ano cando descubriu un golfiño varado en Camariñas.
"O golfiño apareceu alí xa practicamente co nariz tapado e non sabiamos que facer. Chamamos o 112 e logo o CEMMA. Pero o importante é saber o que debiamos facer".
Noutras ocasións, hai aínda a posibilidade de salvalos, e iso é o que intenta ensinar o persoal especializado da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, como a oceanógrafa Uxía Vázquez.
A xente normalmente pensa que o primeiro que hai que facer é metelo na auga, que é totalmente imprescindible, pero ás veces non o é. No caso dun lobo mariño eles soben para descansar e cando queren volven á auga. No caso das tartarugas tamén as devolven moi rapidamente e iso pode causar problemas pola temperatura da auga.
No simulacro participaron tamén membros de Protección Civil e da Policía Local porque en moitas ocasións son os primeiros en acudir ante o varamento dun animal. A vindeira fin de semana está prevista unha nova actividade do CEMMA en Malpica.