A Cidade da Cultura, insignia da cultura galega en 2023 para a Fundación Contemporánea
A Cidade da Cultura, insignia da cultura galega en 2023 para a Fundación Contemporánea
Así figura no informe que elabora o Observatorio da Cultura cada ano dende 2009
No ranking por comunidades, Galicia é a sexta en calidade e innovación das súas propostas
No ranking correspondente a toda España neste pasado 2023, o mellor da cultura foi o Museo do Prado. Pero no medio desa clasificación estatal hai presenza galega.
Están, primeiro, a Cidade da Cultura e as diversas actividades que desenvolveu; despois, o Centro Galego de Arte Contemporánea, que cumpriu 30 anos, e tamén figura a Fundación MOP, coas súas exposicións dos grandes fotógrafos de moda.
Na lista das propostas máis exemplares aparece o Festival Sinsal de San Simón entre as dez primeiras. E entre as mellores da cultura dixital atopamos as experiencias inmersivas Galiverso e Hábitats, localizadas no Gaiás.
Se atendemos ao ranking do mellor da cultura galega en 2023, o primeiro posto é para a Cidade da Cultura. No segundo lugar atopamos o Festival Sinsal de San Simón, que ademais aparece noutra lista, na das dez propostas de España exemplares polo seu compromiso social e co desenvolvemento sostible.
Seguindo coa lista do mellor da cultura galega en 2023, o CGAC, o Centro Galego de Arte Contemporánea, ocupa o terceiro lugar. Por outra banda tamén subiu postos no ranking español despois de celebrar os seus 30 anos.
Empatado en votos co CGAC, temos o Teatro Rosalía de Castro da Coruña. E comparten o quinto posto o FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o festival compostelán Cineuropa e o Museo de Belas Artes da Coruña, que entra por primeira vez nesta clasificación despois dun ano en que destacou coa exposición dedicada a Sorolla e coa de Picasso, pola que pasaron 50.000 visitantes.
Volvendo a listas de ámbito estatal, Galicia figura nos postos de cabeza entre as comunidades con mellor cultura na contorna rural. Aparecen o Festival de Cans do Porriño, o Festival Agrocuir da Ulloa de Monterroso ou o Festival Bal y Gay da Mariña, entre outros.
No ranking por comunidades autónomas, no que se refire á calidade e á innovación da oferta cultural programada en 2023, Galicia ocupa o sexto lugar.