A conexión ferroviaria entre o porto de Vigo e a PLISAN comezará dentro de dúas semanas
A conexión ferroviaria entre o porto de Vigo e a PLISAN comezará dentro de dúas semanas
Salienta o presidente da Autoridade portuaria que a conectividade co porto Seco será clave para mellorar a competitividade da maior zona industrial da Eurorrexión
Carlos Botana pon en valor a autoestrada do mar Vigo-Liverpool, que axilizará o tráfico de subministracións en sectores como o do automóbil
Este luns, na Radio Galega, falamos co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, sobre os pasos máis inmediatos que o porto está a dar, na mellora da conectividade e competitividade.
Falando de conectividade, o presidente do porto destacou que o enlace entre Vigo e o porto seco, a coñecida como plafaforma PLISAN, dará comezo no prazo de dúas semanas e está previsto que finalice en decembro de 2025. Para Carlos Botana, a conexión ferroviaria ten que estar garantida entre todos os puntos do porto vigués, e a unión entre Porto de Vigo e Porto Seco é clave para posicionarse e poder competir con outros importantes portos da península, como por exemplo, o de Leixões, en Portugal.
Stellantis
En relación á factoría automobilística asentada en Vigo, Botana destacou que neste momento o porto traballa na construción dun novo silo para vehículos. A maiores, o presidente da Autoridade Portuaria traslada que neste momento están traballando coa factoría na consecución de proxectos de mellora loxística, así como na adaptación das infraestruturas portuarias que garantan o futuro da planta en Vigo na próxima década.
Entre eses proxectos futuros, Botana mencionou a chamada Autoestrada do Mar, que conectará os portos de Vigo e Liverpool. Feito que considera moi boa noticia porque vai aumentar a competitividade do porto vigués e os fluxos loxísticos, en sectores como o automobilístico.
"É moi boa noticia. A conexión con Inglaterra vai aumentar a competitividade do porto, resolvendo problemas en tráfico de compoñentes, pezas..., ademais doutras liñas futuras que mellorarán o tráfico de contedores, que farán máis eficiente o tráfico na automoción", expresou.
Mercadorías do porto
Á parte dos vehículos, salienta Botana que os produtos con máis peso no porto de Vigo hoxe en día son a froita, o conxelado e as conservas. Neste sentido, salienta que o Porto traballa neste momento, en consenso con todas as administracións, no deseño dun punto de control fronteirizo que dobre a operatividade do actual.
Naval e pesca
Botana non esquece importantes sectores como o naval e a pesca. No caso do naval, remarca que o porto está a traballar cos estaleiros no deseño dos barcos do futuro, a base de combustibles como o metanol, hidróxeno ou amonio, co obxectivo de converterse nun referente a nivel europeo.
No tocante á pesca, puntualiza que están a traballar para chegar a acordos con portos de Irlanda, Francia e outros da fachada Atlántica, para ampliar o tráfico pesqueiro e que Vigo, e Galicia, se convertan en embaixadores internacionais do sector.
Futura sede da FAO, Blue Fishing e curceiros
Entre outros asuntos, o presidente da Autoridade portuaria de Vigo considera que asentar unha sede da FAO proximamente en Vigo, suporá un feito importante a nivel comercial, para a cidade, como para a autonomía.
Rematou poñendo en valor a formación, por medio de proxectos como o Blue Fhising Training, que axusta o coñecemento ás necesidades actuais das empresas, neste caso, en profesións como soldadores, ou operadores de lonxa, moi demandadas na actualidade, que cómpre adaptar á conxuntura actual.
En relación aos cruceiros, conclúe, os datos "neste ano son moi bos", ao tempo que avanzou que xa hai dobres e triplas escalas preparadas para o próximo mes de outubro.