Publicador de contidos
Publicador de contidos

A defensa de Corinna insiste no carácter privado do acoso de Xoán Carlos I

A defensa de Corinna insiste no carácter privado do acoso de Xoán Carlos I

O avogado do monarca defende a súa inmunidade na vista que se celebrou no Tribunal de Apelación de Londres

G24.gal 08/11/2022 22:01 Última actualización 08/11/2022 23:08

A defensa da examante de Xoán Carlos I Corinna Zu Sayn-Wittgengstein defendeu este martes nun tribunal de Londres o carácter privado do acoso que sufriu por parte do monarca para argumentar que non gozou de inmunidade entre 2012 e xuño de 2014, cando abdicou.

O Tribunal de Apelación de Londres celebrou unha vista para atender o recurso que os avogados do emérito presentaron contra o veredicto do Tribunal Superior desta capital, que o pasado marzo ditaminou que Xoán Carlos I non tiña inmunidade entre os anos 2012 e 2020. Corinna acúsao de acosala persoalmente, ou a través de persoas da súa contorna, neste período.

En xullo pasado, os avogados de Xoán Carlos I, do bufete Carter Buck, recibiron autorización para recorrer contra ese ditame do Tribunal Superior, pero só para o período desde 2012 ata a abdicación, o 18 de xuño de 2014, polo que o resto do tempo que inclúe as acusacións de Corinna —ata o ano 2020— debe ir a xuízo.

A vista de hoxe, que se celebrou na sala número 74 e durou máis de cinco horas, estivo presidida polos xuíces Ingrid Simler, Eleanor King e Andrew Popplewell, que escoitaron os argumentos do avogado do rei Timothy Otty e do de Corinna James Lewis.

Na súa intervención, Otty argumentou que o rei goza de inmunidade en virtude da Convención de Viena sobre relacións diplomáticas. Na demanda civil orixinal, Corinna, que non estivo presente, dixo que o acoso estivo presuntamente coordinado en ocasións polo antigo director do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) Félix Sanz Roldán, o cal Xoán Carlos I negou.

Nese sentido, no argumento por escrito presentado este martes, a defensa de Corinna sostén que non foi un equipo do CNI quen fixo un rexistro da súa vivenda de Mónaco en 2012, senón un equipo do grupo Eulen, fundado por outro estreito amigo do emérito.

Así mesmo, argumenta que o antigo rei tratou de exercer control sobre ela para que aceptase importantes sumas de diñeiro que el non declarara ás autoridades españolas.

"Nunca é un acto soberano"

Lewis pediu que se prestase atención ao "contexto" en que a conduta do rei se produciu, porque o acoso contra a muller coa que tivo unha relación sentimental "nunca é un acto soberano".

"Foi un acto en virtude da súa faceta pública? Se non o é, entón o emérito non é inmune", insistiu o letrado.

Segundo a demandante, esas accións, polas que reclama unha indemnización por danos e prexuízos e unha orde xudicial de protección, "ameazaron" a súa seguridade e a dos seus fillos.

Nese sentido, Lewis argumentou que o acoso lle provocou a Corinna ansiedade e depresión, pero os xuíces cuestionaron este argumento ao non haber un informe médico completo e oficial que indique que a demandante sufriu feridas psicolóxicas.

Inmunidade do monarca

Na sesión xudicial, Otty sinalou que o feito de que Roldán tivese unha relación persoal moi estreita con Xoán Carlos I non implicaba que as presuntas accións que denunciou Corinna se fixesen no ámbito privado, porque, cando hai inmunidade de Estado, non poden separarse os motivos privados dos de Estado.

O avogado defendeu a inmunidade do monarca en virtude a lei británica sobre inmunidade e queixouse de que a defensa de Corinna non achegara probas en relación ás alegacións sobre o impacto na súa saúde cando comezou este proceso en 2021.

O antigo xefe de Estado de España "nega enfaticamente" que participase ou dirixise "calquera acoso" contra Corinna e "rexeita" estas alegacións como "non verdadeiras", segundo o argumento do emérito.

A xuíza Eleanor King avisou os dous equipos de defensa do enorme gasto que supón este caso e informou ás partes de que agardan dar a coñecer o ditame canto antes, aínda que non se espera que sexa antes de finais deste ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade