A demanda de libros de texto de segunda man dispárase en Galicia
A demanda de libros de texto de segunda man dispárase en Galicia
España é o país europeo onde os libros de texto son máis caros
A maior demanda está sendo cos libros de primeiro de bacharelato
"Os libros, por exemplo, na miña carreira, estudo Historia da Arte, son bastante custosos, entón sempre que se poida atopar de segunda man, que se non, non dá o peto", relata unha rapaza.
"As poucas veces que o fago, si, cómproos de segunda man", apunta un rapaz "A diferenza entre un libro novo e un de segunda man son ao mellor dun 30 euros, tranquilamente", continúa ela.
Mercar os libros de segunda man é unha alternativa de aforro. En Galicia a demanda subiu un 284 %, moi por riba da media española. Así se desprende dun estudo realizado por unha plataforma de compravenda.
"É o que se fixo sempre, facémolo cos irmáns, cos curmáns, cos nosos veciños. Agora podémolo facer con descoñecidos a través de multitude de plataformas onde se pode comprar de segunda man, doar, intercambiar para facer troco, é dicir unha forma de buscar produtos usados e aumentar a súa vida útil", explica Enrique García, voceiro da OCU.
España é o país europeo onde os libros de texto son máis caros, sobre todo dende que no 2006 o Goberno liberalizou os prezos e son as editoriais quen os marcan.
"Como media para un libro de texto está sobre 40, 45 euros, que a min paréceme unha gran burrada", conta Santiago Mallo, propietario da Librería Mayso.
Santiago amosa as facturas: "Lingua e literatura de primeiro da ESO, 39 euros; o libro de francés, 38".
Este é o prezo que pagan os libreiros, ao cliente cústalle un 10 % máis. A venda de segunda man popularizouse sobre todo nos cursos superiores. Este ano os de primeiro de bacharelato son os máis demandados porque non os cambiaron son os mesmos que os do curso pasado.