Publicador de contidos
Publicador de contidos

Turismo cifra nun 80 % a ocupación media de Galicia na ponte de Santos

Turismo cifra nun 80 % a ocupación media de Galicia na ponte de Santos

A directora xeral de Turismo salienta o aumento de peregrinos neste Ano Santo e estima que 2021 podería pechar con 200.000 romeiros

G24.gal 01/11/2021 10:50


A directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, afirmou esta mañá no Galicia por diante da Radio Galega que a ocupación hoteleira en Galicia nesta Ponte de Todos os Santos supera o 80 %, pero hai lugares como a Costa da Morte, a Ribeira Sacra ou Sanxenxo que superan esta porcentaxe.

"Chega a ser superior ao 80 por cento"

"A media chega a ser superior ao 80 por cento no conxunto de toda Galicia pero por exemplo nalgúns territorios, como a Costa da Morte, superan esta porcentaxe de ocupación ou nalgúns puntos da provincia de Ourense, como a Ribeira Sacra ou mesmo Sanxenxo nas Rías Baixas", afirmou a directora de Turismo.

Castro amosaba a súa satisfacción pola recuperación que está experiementando o sector grazas -dixo- á mellor situación da pandemia e a iniciativas como o bono turístico, que estará vixente ata o próximo 15 de decembro.

"Seguro que chegamos ao fin de ano con 200.000 peregrinos"

A directora de Turismo salienta tamén os bos datos rexistrados no Camiño de Santiago, que podería pechar este ano con 200.000 peregrinos, unha cifra que se podería duplicar no 2022 coa prolongación do Ano Santo e a cada vez maior presenza de peregrinos estranxeiros.

"Seguro que chegamos ao fin de ano con 200.000 peregrinos e recordemos que o ano que vén é o Ano Santo 2022, ou sexa que tranquilamente dicir que como mínimo chegarán máis de 400.000 Compostelas o ano que vén", asegurou. 

Nava Castro explicou que, aínda que de momento non hai confirmación oficial, Galicia está preparada  para a visita do Papa Francisco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade