A Resurrección de Fisterra e Paradela congrega centos de persoas
A Resurrección de Fisterra e Paradela congrega centos de persoas
A veciñanza participa na recreación da paixón, a morte e a resurrección de Cristo
Tradición e devoción únense na Semana Santa de Fisterra. O Domingo de Resurrección celébrase a carón da igrexa Santa María das Areas. Os seus actos litúrxicos contan coa participación de moitos fisterráns, que co guión aprendido e os traxes de época preparados representan a resurrección de Cristo.
Diante do sepulcro de Xesús custodiado polos soldados romanos, un anxo notifica a nova da resurrección.
"É un día emotivo no que se representa a resurrección de Xesús, é un día de gran sentimento e de devoción no día de hoxe", asegura unha participante.
"Nós facemos das tres marías: María Magdalena, María de Salomé e María de Santiago. Somos as que levamos os perfumes e as primeiras en saber da noticia de que Xesús resucitou e é moi emotivo coma todos os anos", di outra.
Este acto repítese ano tras ano, seguido por centos de veciños e visitantes que se congregan na explanada do templo.
Os actos rematan cara ao mediodía coa Danza de Nosa Señora das Areas, a danza das Espadas, unha tradición que data do século XVII.
Recreación en Paradela
Escenificación tamén da Resurrección de Xesús no adro da igrexa de Santa María, en Paradela, en Meis. Trátase dunha das Pascuas máis características da comarca do Salnés con máis de dous séculos de tradición.
Preto dun cento de veciños participan tamén na recreación da paixón, a morte e a resurrección de Cristo. Un traballo que converteu a Semana Santa de Paradela tamén en evento de interese turístico autonómico.