A Eurocámara critica a proposta da Comisión de vetar a pesca móbil de fondo en áreas protexidas
A Eurocámara critica a proposta da Comisión de vetar a pesca móbil de fondo en áreas protexidas
Consideran que a Comisón adoptou un enfoque demasiado simplista, ademais de provacar consecuencias económicas en diversas zonas
O pleno do Parlamento Europeo aprobou este xoves un informe no que reprende á Comisión Europea (CE) por propoñer que a pesca móbil de fondo quede prohibida en todas as áreas mariñas protexidas da Unión Europea para 2030, nun plan de acción presentado o ano pasado.
Con todo, a Eurocámara rexeita a proposta, pois considera que a Comisión "adoptou un enfoque demasiado simplista ao propoñer a eliminación progresiva da pesca móbil de fondo en todas as zonas mariñas protexidas para 2030", segundo un comunicado do Parlamento Europeo.
Nese sentido, a institución comunitaria pide: "equilibrio e participación dos pescadores na definición e implementación destas zonas".
O informe, que foi aprobado por 402 votos a favor, 95 en contra e 57 abstencións, sinala que ao plan de acción do Executivo comunitario "fáltalle coherencia con outras prioridades".
Os parlamentarios tamén se queixan de que non se tiveron en consideración o aumento dos prezos ou o fortalecemento do crecemento económico e o emprego.
"A prohibición da pesca móbil de fondo, que representa o 25 % das capturas, tería un impacto económico en moitas rexións costeiras e dificultaría o cultivo de mariscos", segundo os eurodeputados, quen anticipa que pechar zonas a esa práctica "pode xerar conflitos e exercer presión noutras zonas pesqueiras".
Pola súa parte, o comisario europeo de Pesca, Virginijus Sinkevicius, asegurou que a Comisión non propón "unha prohibición terminante" da pesca móbil de fondo, pero dixo que no Executivo comunitario seguen convencidos de que se necesita "avanzar cara a técnicas pesqueiras menos daniñas". Igualmente, apostou por utilizar modalidades pesqueiras que necesiten menos consumo de combustible.
Os eurodeputados españois tamén mostraron o seu descontento coa proposta
Dende o Partido Popular, Gabriel Mato dixo que a eliminación da pesca de arrastre de fondo para 2030 "é unha situación absolutamente inxusta".
O seu compañeiro de partido Francisco Millán Mon declarou que o plan de acción é "criticable" por cuestións como "estigmatizar ao arrastre de fondo, unha actividade altamente regulada grazas á cal os europeos podemos consumir especies de peixe que se pescan fundamentalmente con esta arte".
A eurodeputada do PSOE Clara Aguilera recalcou que a presentación do plan foi "moi desafortunada" e que o sector pesqueiro "non o entendeu".
Doutra banda, os parlamentarios apostaron por reformar a Política Pesqueira Común (PPC) noutro informe aprobado hoxe por 371 votos a favor, 92 en contra e 92 abstencións.
A Eurocámara afirmou que os parlamentarios sinalan "deficiencias pendentes" en relación coa obrigación de desembarque e que as capturas accesorias (obtidas cando os obxectivos principais da pesca son outros peixes) son "inevitables, principalmente, nas pesqueiras mixtas".
Por iso, piden unha aplicación "pragmática" da norma, mantendo as exencións actuais e promovendo os intercambios de cotas.