A familia real visita as tres aldeas gañadoras do Premio ao Pobo Exemplar
A familia real visita as tres aldeas gañadoras do Premio ao Pobo Exemplar
Son Arroes, Pion e Candanal, no concello de Villaviciosa
Aumentaron un 11 % a súa poboación dende a pandemia
Os Reis, a princesa Leonor e a infanta Sofía completaron este sábado a súa axenda de actividades en Asturias coa visita ás tres parroquias, Arroes, Pion e Candanal, no concello de Villaviciosa, que este ano se fixeron co Premio ao Pobo Exemplar do Principado.
As localidades, situadas a 45 quilómetros de Oviedo, teñen unha poboación dun milleiro de persoas, que engalanaron as súas casas e as rúas para dar a benvida á familia real no seu tradicional percorrido polo municipio galardoado.
“Recibímosvos co agarimo de sempre”, rezaba un dos carteis preparados polos veciños para recibir as súas convidadas ao son dos acordes dunha banda de gaitas, nunha mañá fresca e co ceo claro.
Este ano, volveron participar na visita os Reis xunto ás súas dúas fillas, que na edición anterior tiveran que se ausentar por mor dunha gastroenterite.
Acompañáronas o presidente do Principado, Adrián Barbón, o ministro de Agricultura en funcións, Luis Planas, e o alcalde de Villaviciosa, Alejandro Vega, quen lle entregou ao monarca o bastón de mando municipal.
O rexedor amosouse "moi orgulloso" de que por terceira vez se distinguira o concello co galardón de pobo exemplar, neste caso compartido por tres dos seus núcleos.
“É un territorio cunha historia de loita e superación que soubo vencer as dificultades das zonas rurais”, destacou.
Aumento da poboación
No caso de Arroes, Pion e Candanal, o xurado valorou que lograran consolidar unha economía diversificada a partir dos recursos locais, o que permitiu o rexuvenecemento da súa poboación, que aumentou un 11 % desde a pandemia.
A visita real coincide coa celebración, coma cada 21 de outubro, do Día Internacional da Mazá, un dos motores económicos das tres parroquias xunto á gandería e a actividade madeireira, ao ser Villaviciosa un dos concellos con máis masa forestal.
A distinción de pobo exemplar que concede a Fundación Princesa de Asturias, cunha dotación de 25.000 euros, remóntase a 1990, polo que este ano cumpre a súa 34 edición.