A Feira do Libro Antigo de Vigo ofrece exemplares descatalogados a bo prezo
A Feira do Libro Antigo de Vigo ofrece exemplares descatalogados a bo prezo
Os postos permanecerán abertos na praza de Compostela ata o 6 de setembro
A Feira do Libro Antigo e de Ocasión, que organiza a Federación de Librarías de Galicia e coa que colabora economicamente o Concello de Vigo, abriu os seus postos este sábado na cidade olívica. Permanecerán abertos ata o 6 de setembro.
Para moitos o verán é tempo de lectura, así que feiras coma esta son unha oportunidade para atopar rarezas, clásicos ou publicacións descatalogadas a bo prezo. Nunha liña de pouco máis de cen metros trece postos de librarías da Coruña, Madrid, Barcelona, Valencia expoñen as súas propostas en libros de segunda man e de ocasión.
Os libreiros, prescritores de libros, saben que ademais de rarezas e curiosidades moitos clientes buscan libros fóra dos catálogos das librarías animados polos prezos, máis accesibles que os dos libros de estrea.
"Ademais de libros vellos e de ocasión, hai algún de editoriais que xa non os teñen, e que por tanto só se poden atopar aquí. E despois está o factor do prezo, que pode ser un terzo menos, ou máis da metade máis baratos", conta a TVG Enrique Chiriveya, libreiro de "Libros Quique", de Valencia.
"Hai libros caros tamén, pero son libros escasos, raros, que teñen algo ou algún significado especial, e eses son máis caros que os de novo. Pero despois nos libros que todos lemos o factor do prezo é básico", relata Francisco Barcia, de Fiandón Libros de Vello, da Coruña.
Libros, libreiros pero sobre todo lectores e compradores que neste tipo de feiras de libros de segunda man saben ben o que buscan, aínda que tamén remexan entre as publicacións abertos de mente.