Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Tarazona bórralle o sorriso ao Celta Fortuna (1-0)

O Tarazona bórralle o sorriso ao Celta Fortuna (1-0)

Os de Fredi tiveron máis ocasións para levar o partido, pero non tiveron acerto

Un gol de Areso no engadido dálle a vitoria ao equipo local

G24.gal 30/03/2024 18:06

O Celta Fortuna visitou Tarazona na busca de obter a segunda vitoria consecutiva da era Fredi, pero topouse cun rochoso equipo local.

O Tarazona comezou na primeira metade máis intenso e controlou a posesión nos primeiros minutos. A defensa celeste rexeitaba os ataques locais, aínda que estes non levaban serio perigo. Os de Fredi fixeron varios intentos de xerar algunha que outra ocasión, pero o partido foise estancándose pouco a pouco. Predominaron os centros laterais, que non fixeron sufrir moito ás defensas. No minuto 42', un disparo afastado dende a parte esquerda de Raúl Blanco petou no pau. Foi a máis clara da primeira metade. Os equipos marcharon cara aos vestiarios co 0-0 no marcador.

A segunda metade comezou igual que transcorreu a primeira. Co xogo parado deseguido e sen grandes ocasións de gol, ata que chegando ao 60' unha boa xogada colectiva deixou só ante o porteiro a De la Iglesia, cuxo remate foi extraordinariamente detido polo gardarredes. Tras a ocasión o conxunto local mellorou o seu xogo e comezaron a chegar as ocasións. Tras varias chegadas sen perigo, un bo centro dende a esquerda paseou pola área pequena celeste, pero non atopou rematador. Pasando o 70' de partido, o colexiado anulou un gol ao filial celeste por un axustado fóra de xogo. No minuto 90 xa cumprido, un disparo forte dende a esquerda empurrouno a gol Javier Areso na área pequena. Non houbo tempo para máis.

O filial é terceiro, á espera da xornada de mañá, pero de ningún xeito sairá de postos de playoff.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade