Cargando resultados...
A Fundación Amancio Ortega vai financiar unha unidade móbil de cirurxía para Diego González Rivas
A Fundación Amancio Ortega vai financiar unha unidade móbil de cirurxía para Diego González Rivas
O cirurxián anunciouno na presentación da súa fundación na Coruña
O cirurxián coruñés Diego González Rivas na presentación da fundación en Oleiros
G24.gal
20/04/2023 21:25
Última actualización 20/04/2023 21:36
Un documental sobre a actuación da Fundación González Rivas en Gaza precedeu á chegada do cirurxián coruñés á presentación da nova entidade. Diego González Rivas, unha icona coruñesa e un dos médicos españois máis internacionais, que chegaba de operar en Bosnia, explicou o porqué da fundación e fixo un grande anuncio.
"Crear unha unidade móbil que é o principal motor da fundación para que nós poidamos trasladala a África dotada con toda a tecnoloxía e con todo o equipo. A fundación Amancio Ortega vai financiala. É o proxecto máis ambicioso da fundación e o máis difícil de conseguir" ,anunciou Diego González Rivas, presidente da fundación.
Ademáis desta gran noticia, os asistentes puideron escoitar por videoconferencia a primeira paciente da fundación, unha muller peruana embarazada á que o cirurxián operou dun tumor carcinoide o mes pasado no Hospital coruñés de San Rafael, que, totalmente recuperada, só tivo palabras de agradecemento para o médico.
Tras operar coa súa técnica de cirurxía minimamente invasiva en 129 países do mundo, González Rivas manifestouse gratamente sorprendido coa repercusión que está a ter a fundación non só en España senón no mundo e coa cantidade de voluntarios que se ofrecen para traballar.
Tamén adiantou novos proxectos en África: en agosto en Serra Leoa e Liberia e en setembro en Tanzania.
Sempre quixo que a fundación fora un proxecto fundamentalmente galego, que saíra ao mundo desde Galicia. E parece que o está conseguindo.