A fusión BBVA-Banco Sabadell, por María Loureiro
OPINIÓN
A fusión BBVA-Banco Sabadell, por María Loureiro
Esta semana estamos a escoitar a cada vez máis plausible fusión do Banco Sabadell co BBVA, dous grandes bancos históricos e ben saneados que consideran fusionarse por segunda vez. O anuncio fíxose público este 30 de abril, e dende aquela as cotizacións de ambas as empresas non paran de bulir. Nesta ocasión, a fusión parece doada, pois consiste nun mero intercambio de accións. O comprador BBVA dará una nova acción do banco resultante a cambio de cada 4,83 accións do Sabadell, e o mercado parece estar satisfeito con esta oferta. Onte na Bolsa, o Sabadell subiu un 3,4 % e BBVA baixou o 6,7 %.
Sabemos que esta proposta do BBVA está sendo avaliada con coidado polo Consello de Administración do Sabadell. Os sindicatos de traballadores do Sabadell amosaron xa a súa preocupación, pero se todo vai ben, a fusión rematará no primeiro trimestre do 2025.
O impacto dentro da banca española será dende logo notorio. O banco fusionado será o terceiro máis grande de Europa, se o miramos respecto ao seu valor de bolsa. Se o miramos por activos, será o segundo en España, despois do Banco Santander, implicando que un de cada cinco euros que se movan no noso país pasarán por este banco. Isto engrosa a concentración existente, e implica que sete de cada dez euros, sete de cada dez hipotecas pasarán polas tres entidades financeiras máis grandes de España (Banco Santander, Caixabank, BBVA-Sabadell). Hai dez anos, as cinco entidades máis grandes contralaban o 42 % das operacións do diñeiro en España, e hoxe, e se se pecha esta fusión, controlarán o 72 %.
Para quen é isto bo? Pois só para a banca, fundamentalmente, que está acumulando beneficios récord, ao reducir custos grazas ás fusións e aos procesos de dixitalización, e tamén ao non transferir a subida de tipos aos aforradores. No caso de levarse a cabo esta fusión, o BBVA poderá ampliar a súa liña de negocio empresarial co Sabadell a ser un banco máis centrado en empresas e autónomos. Ademais, tamén entrará no negocio do financiamento de empresas máis minoristas no ámbito internacional grazas á filial británica do banco Sabadell TSB.
No lado oposto, o consumidor e o traballador sofren as consecuencias desta concentración masiva que está afectando de forma moi importante a panorámica nos últimos anos.
Nos últimos 15 anos o panorama mudou de xeito moi importante. A preocupante concentración da banca implica non só produtos financeiros máis caros, ou menos vantaxosos para a clientela, senón tamén unha menor variedade da oferta dos mesmos. Para facernos unha idea, antes da crise da 2008, en concreto no 2007, había máis de 100 entidades bancarias no noso país, ou dito dunha forma, 100 posibles hipotecas. Hoxe, despois da crise e da concentración derivada da mesma, o panorama é moito menos competitivo, o que implica menos eleccións para o cliente e basicamente nos deixa con menos de 20 posibles hipotecas onde escoller. En definitiva, veremos cambios importantes na banca española de levarse a cabo esta fusión.
A concentración tamén trae consigo unha redución das oficinas e dos empregados do sector bancario moi significativa. No 2007 os datos indican que había unha rede de oficinas moi extensa en España, con máis de 50.000 puntos de atención ao público. Hoxe, hai menos de 25.000 sucursais bancarias operando en España, o cal é moi preocupante, especialmente se miramos a concentración das mesmas en zonas urbanas e semiurbanas. Os datos do Banco de España, a finais de 2023, indican que un total de 4.618 municipios (dun total de 8.131) en España non tiñan ningunha oficina bancaria. Isto significa que ao redor do 57 % das localidades rurais carecían de acceso presencial a servizos bancarios, o que dificulta de xeito masivo o acceso a diñeiro en efectivo pola poboación residente, que tende a ser maior e con menos coñecementos dixitais.
Se miramos ao emprego xerado pola banca, no 2007 había 300.000 traballadores no sector bancario, mentres que hoxe non chega á metade. En resumo, hai custos moi importantes relacionados coa concentración bancaria que non poden pasar desapercibidos. Os reguladores tiñan que considerar seriamente eses custos sociais antes de autorizar máis fusións bancarias.