A Garda Civil investiga a posible relación co crime de Socorro Pérez
A Garda Civil investiga a posible relación co crime de Socorro Pérez
Socorro Pérez foi asasinada en Ourense en 2015
A Garda Civil investiga tamén a posible implicación do acusado do crime de Cabanas noutros casos que estaban aínda sen resolver. Un deles é o crime de Socorro Pérez en Ourense no ano 2015, que garda certas similitudes co de Elisa Abruñedo.
As forzas de seguridade non desbotan que o asasinato de Elisa en 2013 non fora un caso illado. Segundo apuntan fontes da investigación, indagan na presunta relación do detido con outros casos, un deles precisamente o de Socorro Pérez. Os anos de espera levan a familia a ser prudentes.
Precisamente o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, sinalou este xoves que as autoridades "non descartan" que o detido polo crime de Cabanas poida estar relacionado con "investigacións accesorias" sobre outros casos.
Socorro Pérez foi asasinada en 2015. Os seus restos atopáronos un grupo de cazadores que participaba na súa busca. Apareceron nun monte nas inmediacións do Seminario de Ourense.
Sen roupa e con sinais de violencia. Dende aquela pasaron xa oito anos, pero nunca houbo detidos polo seu caso.