A Illa de Arousa limita o tráfico nas zonas máis turísticas para evitar o colapso no verán
A Illa de Arousa limita o tráfico nas zonas máis turísticas para evitar o colapso no verán
Tras establecer as restricións e uns primeiros días informando os condutores, só na primeira xornada multaron 20 condutores por aparcar indebidamente
Ata 20 multas tramita a Policía Local nun só día por estacionar nas novas zonas prohibidas na Illa de Arousa. En concreto, e de cara á temporada de verán, o Concello da Illa establece a prohibición de aparcar na zona da praia do Bao e do acceso do Faro. Con isto pretende evitar colapsos pero polo de agora non todos son coñecedores desta medida.
Desde hai tan só uns días un sinal avisa: queda prohibido o acceso aos vehículos e polo tanto o seu estacionamento no acceso ao faro. Unha medida recentemente implantada e que polo de agora aínda colle a algúns por sorpresa.
Miguel Ángel Varela, oficial xefe da Policía Local da Illa de Arousa, explica que "é un camiño sen saída e co estacionamento indiscriminado de vehículos dificúltase o tránsito".
Hai un espazo habilitado para aparcar para ir ao Faro, unha zona que algúns, sobre todo os hostaleiros, cren insuficiente pola afluencia que ten sobre todo nos meses de xullo e agosto.
Aos clientes dos establecementos da zona permíteslle o acceso cos seus coches, pero iso abre a porta a que se empregue a picaresca.
O mesmo ocorre na zona da praia do Bao, pero neste caso os usuarios si teñen á súa disposición un aparcadoiro a tan só 150 metros con capacidade para 800 vehículos.
Estas restricións puxéronse en vigor hai unhas semanas e na primeira fin de semana os axentes tan só informaban os infractores, pero despois as sancións xa se aplican. De feito no primeiro día a Policía Local impuxo unhas 20 multas cunha sanción de 200 euros por acceder a un espazo restrinxido ao tráfico.