A industria láctea para a actividade e non haberá recollida nas explotacións
A industria láctea para a actividade e non haberá recollida nas explotacións
A patronal do sector di que se pon en risco o abastecemento de produtos esenciais
Os gandeiros alertan do risco de desabastecemento de produto fresco
O sector agrario pide que o conflito do transporte non colapse o campo
A industria láctea española anunciou que se ve abocada a suspender a súa actividade trasformadora como consecuencia do paro de transportes que vén desenvolvendo nos tres últimos días, segundo informou a Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL) nun comunicado.
En concreto, as fábricas viron interrompida a subministración dos ingredientes necesarios para a elaboración de produtos lácteos e tamén o traslado do produto terminado ás cadeas de distribución, polo que se anulou a capacidade de envasado e de almacenamento e xestión dun alimento que é altamente perecedoiro e esencial para o consumo diario.
Segundo FENIL, que integra máis de 60 empresas do sector e representa máis do 95 % da produción nacional de produtos lácteos, esta paralización está a carrexar consecuencias sociais, económicas e ambientais "inevitables", xa que supoñerá a suspensión da recollida do leite nas explotacións gandeiras desde mañá e, sobre todo, pon en risco o abastecemento de produtos coma o leite e os lácteos.
A federación sinalou que este panorama é o resultado do "desamparo e a impotencia" dos transportistas ante a actuación dos mal chamados piquetes informativos que bloquearon a súa actividade.
FENIL subliñou que só se reverterá esta decisión se se garante o dereito á mobilidade e a seguridade dos transportistas que non secundaron a folga e se evitan conflitos de orde pública nas estradas españolas.