A inflación sobe ao 5,9 % en xaneiro tras a fin da subvención aos carburantes
A inflación sobe ao 5,9 % en xaneiro tras a fin da subvención aos carburantes
Os prezos soben en Galicia un 6,4 % nun ano e caen tres décimas en xaneiro
Os carburantes, o téxtil e a alimentación elevan os prezos en xaneiro un 5,9 %
A entrada en vigor da rebaixa do IVE baixou o prezo das froitas ata un 4,2 %, a fariña o 2,3 %, ou os ovos o 1,5 %
A inflación en España subiu no mes de xaneiro un 5,9 % en taxa interanual.É unha décima máis do dato adiantado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) o pasado 30 de xaneiro e dúas décimas máis que o mes anterior.
O incremento débese ao encarecemento dos carburantes tras a retirada da subvención de 20 céntimos de euro ao litro de gasóleo ou gasolina por parte do Goberno desde o 1 de xaneiro e que só permanece para algúns sectores profesionais.
O da roupa e o calzado é o grupo que máis contribuíu á subida do IPC, cunha taxa do 3,6 %, xa que os prezos de todos os seus compoñentes descenden este mes menos que en xaneiro de 2022, seguido do transporte, que sitúa a súa taxa no 5,6 %, debido ao encarecemento de carburantes e lubricantes.
Contrasta dita subida co abaratamento doutros elementos incluídos neste grupo, como o transporte combinado pasaxeiros, que baixou un 5,4 %; o de pasaxeiros en metro, un 19,1 %, e o de pasaxeiros en autobús, un 19 %.
O grupo das comunicacións tamén tirou á alza da inflación en xaneiro, cunha variación que se sitúa no 2,3 %, máis de catro puntos por encima da rexistrada en decembro.
Os alimentos moderan a suba
O que tirou á baixa foi o abaratamento da electricidade e, en menor medida, a moderación de tres décimas da suba de alimentos e bebidas non alcohólicas, ata o 15,4 %, tras a entrada en vigor da rebaixa do IVE a algúns alimentos.
Baixaron ata un 4,2 % no caso das froitas; un 2,3 % a fariña; un 1,5 % os ovos; un 1 % as patacas; un 0,7 % o queixo; e un 0,2 % o pan, mentres que o aceite de oliva baixou un 1,2 % e as pastas alimenticias un 3,5 %, produtos cuxo IVE se reduciu á metade (do 10 % ao 5 %).
Entre os grupos con influencia negativa destacan a vivenda, que baixa un 8,4 % ,e o do lecer e cultura, cuxa variación anual do 2,5 % débese á baixada dos prezos dos paquetes turísticos.
Os prezos soben en Galicia un 6,4 % nun ano e caen tres décimas en xaneiro
A inflación en Galicia mantívose no 6,4 % interanual tras unha baixada de tres décimas en xaneiro, unha décima mellor que o conxunto de España.
Na comunidade galega, a principal baixada produciuse no grupo vestido e calzado, cun 12,1 %, o que deixa o balance interanual deste grupo plano, sen variacións no último ano.
O INE mantén a taxa de variación anual da inflación subxacente -índice sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos-, no 7,5 %, cinco décimas máis que a rexistrada en decembro e a máis alta desde decembro de 1986.