Publicador de contidos
Publicador de contidos

A inflación repunta ao 3,2 % en marzo e os alimentos modéranse un punto, ata o 4,3 %

A inflación repunta ao 3,2 % en marzo e os alimentos modéranse un punto, ata o 4,3 %

O aumento débese á suba do prezo da electricidade, despois de que o IVE do recibo da luz pasase do 10 % ao 21 % nese mes

O IPC sobe un 3,5 % en marzo en Galicia, dúas décimas por enriba da media de España

G24.gal 12/04/2024 09:20 Última actualización 12/04/2024 10:20

O índice de prezos de consumo (IPC) repuntou en marzo ao 3,2 % interanual, catro décimas máis ca o mes anterior, polo encarecemento da electricidade, mentres que a inflación dos alimentos se recortou un punto, ata o 4,3 %, o cal supón a taxa máis baixa desde hai máis de dous anos.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou este venres o dato adiantado hai dúas semanas e tamén o da taxa de inflación subxacente (sen enerxía nin alimentos non elaborados), que se situou no 3,3 % interanual en marzo, dúas décimas por baixo do mes anterior e o seu nivel máis baixo desde febreiro de 2022.

A repunta da taxa xeral débese á subida do prezo da electricidade, despois de que o IVE do recibo da luz pasase do 10 % ao 21 % neste terceiro mes do ano.

Así, tiraron á alza do IPC o grupo da vivenda, en que se encadra a electricidade, que subiu 4,2 puntos ata o 1,5 % interanual, e o do lecer e cultura, cun incremento dun punto, ata o 3,8 %, sobre todo polo encarecemento dos paquetes turísticos.

Tamén o grupo do transporte, que aumentou a súa variación medio punto, ata o 2,9 %, como consecuencia do aumento dos prezos de carburantes e lubricantes para vehículos persoais, que diminuíron no mesmo mes de 2023.

En sentido contrario, o grupo alimentos e bebidas non alcohólicas tivo unha influencia negativa, xa que a taxa baixou un punto respecto a febreiro, ata situarse no 4,3 %.

Este descenso debeuse, na súa maior parte, á baixada dos prezos de legumes e hortalizas e outros produtos alimentarios, que aumentaron no mesmo mes de 2023, ademais da menor subida dos prezos da carne respecto a marzo de 2023.

O aceite de oliva sobe un 70 % nun ano

Dos compoñentes da cesta da compra, o aceite de oliva segue sendo o que máis sobe: está un 70 % máis caro que hai un ano, un 3,2 % máis caro que hai un mes e un 200,4 % máis respecto a xaneiro de 2021.

Ségueno os zumes de froitas (16,9 %), as patacas (10 %) o chocolate e as froitas frescas, en ambos os dous casos un 9 %; os produtos de confeitería, un 8,4 %; a carne de ovino, un 8 %, e o peixe fresco, un 7,4 %.

Os alimentos que pasaron ao terreo negativo son os legumes e hortalizas, cun descenso do 9,2 %; as pizzas e quiches, que baixan un 4,4 %; os alimentos para bebé, un 3,8 %, e a manteiga e outros produtos lácteos, en ambos os dous casos cun abaratamento do 2,6 % en taxa interanual.

Alén do ámbito alimenticio e tras o aceite de oliva, as maiores subidas en marzo respecto ao mesmo mes do ano anterior rexistráronas o transporte de pasaxeiros por mar, un 23,8 % máis; os paquetes turísticos nacionais, cunha subida do 23,4 %; e a cota de subscricións a televisión, un 16,8 %.

No extremo contrario, as maiores baixadas rexistráronas outros aceites, cunha baixada do 22,4 %; o gas natural, que cae un 20,2 %; os equipos de telefonía móbil, un 10,6 % menos; e os computadores persoais, cunha caída do 8 %.

A inflación mensual foi do 0,8 %

En comparación mensual, os prezos de consumo subiron un 0,8 % respecto a febreiro -a súa maior alza mensual desde febreiro de 2023- e os grupos con maior repercusión positiva foron a vivenda, pola subida da electricidade; e o lecer e cultura, polo aumento dos prezos dos paquetes turísticos.

Tamén influíron na alza os hoteis, cafés e restaurantes, por mor da subida dos prezos da restauración e dos servizos de aloxamento; o vestido e calzado, como consecuencia do comezo da tempada de primavera-verán; e o transporte, pola subida dos prezos de carburantes e lubricantes para vehículos persoais.

O que máis subiu de prezo en marzo foron os paquetes turísticos nacionais (9,5 %), os internacionais (9,3 %) e os hoteis (7,3 %), mentres que o que máis baixou foi o transporte de pasaxeiros por metro, un 14,2 %, detalla o INE.

O IPC sobe un 3,5 % en marzo en Galicia, dúas décimas por enriba da media de España

Sete comunidades autónomas rexistraron en marzo unha inflación superior á media nacional: Estremadura (3,6 %), Canarias (3,5 %), Galicia (3,5 %), Navarra (3,4 %), Castela-A Mancha (3,3 %) Comunidade Valenciana (3,3 %) e Murcia (3,3 %).

A Rioxa e Cantabria rexistraron as taxas máis baixas, en ambos os dous casos do 3 % interanual.

No mes de marzo a taxa de variación anual do IPCA situouse no 3,3 %, catro décimas máis que a rexistrada o mes anterior. A variación mensual foi do 1,4 %.

Para o Ministerio de Economía, o lixeiro incremento no IPC de marzo debeuse fundamentalmente á normalización do tipo impositivo para a electricidade, tras case tres anos co IVE reducido, desde xullo de 2021.

Nun comunicado, insisten en que os datos reflicten a capacidade da economía "de compatibilizar o maior crecemento económico entre os principais países da zona euro cunha moderación dos prezos e o mantemento de apoio aos máis vulnerables" e valoran que "segue mellorando o poder adquisitivo das familias e a competitividade das empresas españolas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade