Publicador de contidos
Publicador de contidos

A maior parte dos trastornos mentais comezan entre os 12 e os 25 anos, segundo especialistas en Psicoloxía

A maior parte dos trastornos mentais comezan entre os 12 e os 25 anos, segundo especialistas en Psicoloxía

Os psicólogos consideran necesario traballar a idades máis temperás cos nenos a fin de evitar o acoso escolar ou situacións en que se promova a violencia

G24.gal 18/05/2023 21:09

Especialistas en Psicoloxía confirman que a maior parte dos trastornos mentais comezan entre os 12 e os 25 anos. E a tendencia é á alza. "Houbo un aumento importante das listas a Urxencias, das hospitalizacións, dos intentos autolíticos, dos trastornos da conduta alimentaria. Isto si que vimos desde a pandemia que aumentou moitísimo", sinala Gloria Bellido, coordinadora da Sección Infanto-xuvenil da Sociedade Española de Psicoloxía Clínica-ANPIR.

Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, engade: "Hoxe temos un nivel moi elevado de adolescentes sobre todo que están consumindo psicofármacos. É preocupante porque iso quere dicir que dentro de dez anos teremos unha poboación totalmente dependente disto".    

Psicólogos en primaria

No eido da prevención, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia defende a incorporación no ensino de Primaria e Secundaria da figura dos psicólogos educativos.

A súa decana Rosa Álvarez Prada apunta: "Nas relacións afectivo-sexuais, nos temas de violencia, cando aparecen autolesións, o tema de acoso escolar, bullying ou violencias, é necesario traballar isto con e para a poboación moza, e a día de hoxe está moi descoidado".

En todo trastorno psicolóxico os expertos falan de múltiples e variadas causas e factores.

A experta Gloria Bellido destaca: "Afortunadamente si que hai moitas ferramentas para intervir, por exemplo, de cara á detección de situacións de risco como pode ser o bullying ou situacións en que se sofre violencia. Sobre este tipo de problemas si podemos intervir".

A necesidade da creación dunha especialidade dentro da Psicoloxía Clínica para atender a poboación infantil e xuvenil é unha das reclamacións que estes especialistas puxeron de manifesto na primeira xornada do Congreso da Sociedade Española de Psicoloxía Clínica-ANPIR que se está a celebrar en Palexco, na Coruña.

Ata o sábado, máis de 800 profesionais nacionais e internacionais participan neste encontro técnico e científico sobre saúde mental.        

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade