A ministra de Defensa pide non especular sobre os paquetes explosivos
A ministra de Defensa pide non especular sobre os paquetes explosivos
As autoridades extreman as precaucións coas cartas e paquetes sospeitosos
Margarita Robles confía en que a policía determine pronto a autoría dos envíos
As embaixadas e consulados de Ucraína en doce países europeos recibiron cartas con sangue e ollos de animais, similares á que chegou este venres á delegación ucraína en Madrid. Os envíos foron cualificados de terrorismo polas autoridades de Ucraína.
O Goberno non quere especular
Estas cartas, en principio, non teñen que ver cos seis paquetes explosivos que chegaron esta semana ás embaixadas de Ucraína e dos Estados Unidos en Madrid, á presidencia do Goberno, ao ministerio de Defensa, á base aérea de Torrejón e a unha empresa de armamento de Zaragoza.
Policía e Garda Civil seguen investigando a orixe destes paquetes, atribuídos por algúns especialistas a grupos radicais prorrusos e sobre a que o Goberno español non quere especular.
As autoridades extreman as precaucións
Polo que poida pasar, a Policía Nacional enviou instrucións de seguridade a todas as comisarías para que extremen as precaucións coas cartas ou paquetes sospeitosos, un dos cales feriu a un empregado da embaixada de Ucraína.
Apoio dos EUA
O Goberno estadounidense agradeceulle ás autoridades españolas a actuación policial tras a recepción dun paquete explosivo na súa embaixada de Madrid.
O voceiro do departamento de Estado norteamericano non quixo especular sobre a autoría destes envíos, aínda que si subliñou que España conta nesta investigación con todo o apoio do FBI e da diplomacia dos Estados Unidos.