Publicador de contidos
Publicador de contidos

A montaña de Lugo e Ourense terá servizo de biblioteca móbil

A montaña de Lugo e Ourense terá servizo de biblioteca móbil

As furgotecas percorrerán unha vintena de concellos dous días ao mes

G24.gal 14/02/2023 16:03 Última actualización 14/02/2023 16:16

A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta, comezará a funcionar dous días ao mes en vinte concellos das provincias de Lugo e Ourense.

A finais de febreiro botarán a andar os dous vehículos de cor azul que foron adaptados para levar aos concellos de ambas as provincias libros, películas, música, xogos, revistas e xornais, entre outros servizos culturais.

O titular de Cultura da Xunta, Román Rodríguez, presentou o novo servizo este martes nun acto celebrado na Cidade da Cultura.

Un dos días, as furgotecas situaranse nos lugares de maior afluencia de público, onde se celebran feiras e mercados e hai centros de saúde, residencias, pavillóns de deportes ou centros socio-culturais.

O segundo día, a idea é que a biblioteca móbil realice un percorrido polos núcleos e aldeas para ofrecer un servizo máis personalizado aos usuarios.

Na provincia de Lugo acudirán a Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela, e na de Ourense, irá a Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós.

A colección inicial da que dispoñerán os vehículos nace con 500 exemplares de libros, pero tamén películas, música ou xogos físicos e dixitais, así como publicacións periódicas como revistas e xornais.

Esta iniciativa virá acompañada doutras actividades culturais, de forma que se estableza unha programación de periodicidade estable que inclúa clubs de lectura, contacontos ou encontros con autores locais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade