A OEA condena a irrupción da policía ecuatoriana na embaixada mexicana
A OEA condena a irrupción da policía ecuatoriana na embaixada mexicana
Entraron para levar detido o exvicepresidente Jorge Glas
México rompeu relacións con Ecuador tras o asalto
A Organización de Estados Americanos condenou a entrada da policía ecuatoriana na embaixada de México en Quito, recordando a inviolabilidade das misións diplomáticas e as obrigas internacionais.
"Ingresou de asalto á embaixada e arrebatou das súas instancias o seu exvicepresidente Jorge Glas", explicaba unha lexisladora ecuatoriana.
Sobre o político ecuatoriano pesan condenas e imputacións por corrupción, que el denuncia como unha persecución política. Desde decembro estaba refuxiado na embaixada e acababa de obter o asilo do goberno mexicano. Os policías levárono detido e este sábado ingresárono nun cárcere de máxima seguridade.
Nada máis produciuse o asalto da embaixada, México anunciou a rotura das relacións diplomáticas con Ecuador.
"México recorrerá á Corte Internacional de Xustiza para denunciar a responsabilidade de Ecuador por violacións ao dereito internacional", subliñaba a secretaria de Relacións Exteriores mexicana.
Ecuador afirma que un delincuente non pode ser considerado un perseguido político e defende a súa actuación para que non quedase impune.
As relacións entre ambos os dous países xa se resentiran un día antes cando o presidente mexicano, López Obrador, vencellara a violencia en Ecuador co triunfo electoral do presidente ecuatoriano.