A OMS informa da baixada na taxa de mortalidade a pesar do "tsunami ómicron"
A OMS informa da baixada na taxa de mortalidade a pesar do "tsunami ómicron"
Os casos de coronavirus aumentaron un 70 %, pero a mortalidade baixou nun 10 %
É a cuarta semana consecutiva de descenso nos falecementos relacionados coa Covid-19
Os casos globais de Covid-19 aumentaron un 70 %, unha porcentaxe nunca antes vista, na pasada semana do 27 de decembro ao 2 de xaneiro, pero as mortes pola enfermidade baixaron un 10 % nese período, segundo o informe epidemiolóxico publicado hoxe pola Organización Mundial da Saúde (OMS).
A semana pasada houbo 9,5 millóns de contaxios confirmados, unha cifra que case duplica os anteriores récords semanais, mentres que os falecidos foron 41.000, o que supón a cuarta semana consecutiva de descensos nas mortes a pesar da virulenta onda actual de contaxios.
Paradoxalmente, América -o continente onde o aumento de casos foi maior (do 100 %)- tamén foi a rexión onde baixaron máis os falecementos (un 18 %), mentres que en Europa, cun aumento do 65 % nos positivos, os decesos baixaron un 6 %.
En cifras absolutas, Europa foi o continente con máis contagios rexistrados na semana estudada (5,3 millóns) e máis mortes (22.000), mentres que en América reportáronse 3,2 millóns de positivos e 10.000 falecementos.
Ao actual ritmo Europa, con 103 millóns de casos desde o inicio da pandemia, pronto superará a América (104 millóns) en contaxios confirmados de Covid-19.
En África, o continente onde primeiro se detectou a variante ómicron, os casos só aumentaron un 7 % a semana pasada, a menor porcentaxe por rexións, aínda que os falecementos subiron un 22 % (1.100 nos sete días estudados).
No resto de rexións houbo descensos nos falecementos, incluíndo o sur de Asia, onde as mortes baixaron un 7 % pese ao forte crecemento do 78 % nos novos contaxios.
O informe epidemiolóxico non ofreceu datos sobre a presenza das distintas variantes do coronavirus nos novos contaxios, aínda que nalgúns países xa se reporta que a cepa ómicron é a dominante.
Administráronse no mundo máis de 9.300 millóns de vacinas anticovid, coas que un 59 % da poboación mundial recibiu polo menos unha dose, aínda que a porcentaxe baixa ao 8,8 % no caso dos países de baixos ingresos, a maioría situados no continente africano.