A presidenta da Asociación de Fiscais opina que a reforma da sedición non está xustificada
A presidenta da Asociación de Fiscais opina que a reforma da sedición non está xustificada
Cristina Deseux cre que a reforma non sitúa a lexislación española en sintonía coa doutros países europeos, tal e como defende o Goberno.
A presidenta da Asociación de Fiscais Cristina Deseux considera que a reforma do delito de sedición non responde ao interese xeral, senón que busca beneficiar os políticos cataláns condenados polo procés: "Creo que a xustificación da reforma amparándose na lexislación europea carece de fundamento real e agocha unha reforma ad hominem, para persoas concretas".
Nunha entrevista no Galicia por diante, Deseux opinou tamén que a presentación da reforma a través do grupo parlamentario socialista se fixo para evitar os informes do CXPX ou do Consello Fiscal, que si serían necesarios no caso de que a iniciativa partise do Goberno.
Por outra banda, Deseux referiuse á polémica creada pola Lei de Garantías da Liberdade Sexual. A presidenta da Asociación de Fiscais é partidaria dunha reforma da lei para evitar que as revisións de condenas estean suxeitas á interpretación dos tribunais: "Sempre é máis rápido facer unha reforma superando os defectos lexislativos da anterior que agardar a que o Tribunal Supremo dite algunha resolución".
Deseux rexeitou as declaracións da ministra de Igualdade cando afirmou que os xuíces que revisaban as penas de condenados por delitos sexuais estaban aplicando criterios machistas: "Parece que a carreira xudicial está formada por homes vetustos, abolutamente desfasados e machistas, cando a realidade é que a carreira xudicial e fiscal está integrada maioritariamente por mulleres. E a formación é a debida".