A primeira xornada de folga en Iberia deixa 11 voos cancelados entre Galicia e Madrid
A primeira xornada de folga en Iberia deixa 11 voos cancelados entre Galicia e Madrid
A compañía cifra o seguimento deste venres no 14,6 %
A primeira xornada de folga de traballadores de handling de Iberia deixa 11 voos cancelados con saída ou destino dos tres aeroportos galegos e Madrid: catro de Santiago, catro da Coruña e tres de Vigo.
En total, son 46 os voos cancelados que unen a Galicia e Madrid nos catro días de folga. As cancelacións por días son os seguintes: 5 de xaneiro (11), 6 de xaneiro (13), 7 de xaneiro (11) e 8 de xaneiro (11).
Por terminais, o aeroporto de Rosalía de Castro sofre 16 cancelacións nestes catro días, as mesmas que Alvedro. No caso de Peinador son 14.
A folga convocada polos sindicatos para os traballadores do handling de Iberia está a ter un seguimento do 14,61 %, segundo a actualización facilitada ás 9:30 horas pola compañía, que ás 7:00 horas cifrou este seguimento no 17 %.
A compañía aérea destaca que a primeira xornada da folga segue transcorrendo "coa normalidade propia destas datas" de regreso tras as vacacións de Nadal, pero recoñece que se produciu algunha "incidencia puntual" na carga de maletas.
O grupo Iberia recolocou a máis do 80 % dos pasaxeiros afectados pola folga, mentres que máis do 10 % solicitou reembolso.
A folga foi convocada por UXT, CCOO, USO e Comité Interempresas desde hoxe ata o 8 de xaneiro e supuxo a cancelación de 444 voos das aeroliñas do grupo Iberia, afectando máis de 45.600 pasaxeiros.
Con todo, o paro poderá afectar a operativa de case un centenar de aeroliñas ás que Iberia Airport Services presta servizo nos aeroportos de Aena, nunhas datas que coinciden coa festividade dos Reis Magos e a operación retorno das vacacións de Nadal.