Publicador de contidos
Publicador de contidos

A provincia de Ourense amenceu con temperaturas baixo cero

A provincia de Ourense amenceu con temperaturas baixo cero

Calvos de Randín rexistrou a mínima de Galicia, con menos 6 graos ás nove da mañá

En Xinzo e Verín tamén roldaron os cinco baixo cero

A próxima madrugada hai aviso amarelo por frío no sur da provincia de Ourense 

A torre de Pena, en Xinzo de Limia
G24.gal 14/12/2024 14:09

O 14 de cada mes é día de feira en Xinzo e achégase xente de todos os concellos da contorna. Hoxe, esta foi a paisaxe que atoparon de camiño: sol e unha boa xeada.

"Todo branco, branquiño". "Está moi frío, pero estamos no tempo", comentan dous homes na feira.

Aquí amenceron con case cinco graos baixo cero, menos seis en Calvos de Randín, pero o sol pronto aliviou a sensación de frío.

"Ao non haber vento, agora vén saíndo o sol e vai encamiñando a cousa". "Pasa frío o que quere, que non hai que estar traballando, así que pasa frío o que quere. Con se abrigar, xa está". "Está un día precioso. Dá gusto saír da casa", din os veciños de Xinzo, que non lle teñen medo ao frío.

Ademais, facía falta que viñera o frío para facer a matanza.

"O tempo que había non valía para as matanzas. Agora si. Hai que ir untando o fuciño, como din por aí", sinala unha veciña de Rairiz de Veiga.

Na cidade de Ourense, pola contra, non caeron tanto os termómetros, a mínima foi dun grao baixo cero, pero o frío mantívose durante toda a mañá por mor da néboa.

Aviso amarelo

E mañá máis. Entre as doce desta noite e as nove da mañá do domingo, o sur da provincia de Ourense está en aviso amarelo por temperaturas inferiores aos catro graos baixo cero.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade