Publicador de contidos
Publicador de contidos

A recadación impositiva récord non arranxa o problema estrutural das contas públicas, por María Cadaval

OPINIÓN

A recadación impositiva récord non arranxa o problema estrutural das contas públicas, por María Cadaval

G24.gal 02/12/2022 08:09

O contexto adverso en que se atopa a economía española, que aínda non recuperou o nivel de PIB previo á pandemia e que acusa o impacto adicional negativo derivado da invasión rusa de Ucraína, vese agravado pola elevada inflación que fixo mudar até o signo da política monetaria. Esta situación induce a transitar sobre unha senda de menor crecemento nos próximos meses e volver a cuestionar estándares europeos occidentais nunha situación de incerteza, na que a Comisión Europea vén de situar a España, xunto con outros dez estados, no lugar con maior risco de sustentabilidade fiscal.

Isto vese agravado polas previsións de crecemento contidas que fan os organismos nacionais e internacionais e que prevén un arrefriamento da economía española no 2023, con incrementos mais modestos dos experimentados até o momento, o que tanto para a AIReF como para o Banco de España significa que o déficit estrutural vai seguir estando por riba do 3 % durante varios exercicios mais, alén de que a redución da débeda pública sexa mais lenda do desexable.

Malia isto, a senda de redución do déficit está a ser este ano mais acelerada do que se estimaba. Segundo o último informe da Axencia Tributaria, o déficit público pechará o 2022 por baixo do 5 % previsto, grazas en boa medida ao incremento da recadación impositiva que dende xaneiro até outubro recadou 223.695, 310 millóns mais que en todo o ano 2021. O IVE e o Imposto de Sociedades xa superaron a recadación do exercicio anterior, con 75.028 e 29.388 millóns de euros recadados, respectivamente, mentres que o IRPF e os Impostos Especiais aínda non chegaron ao nivel do ano pasado, se ben o imposto sobre a renda achega ás arcas públicas máis ca o IVE e o Imposto de Sociedades Xuntos.

Esta evolución positiva dos ingresos públicos débese, sobre todo, á recuperación económica pero tamén ao bo comportamento do emprego e mais ao afloramento da economía mergullada, acompañados todos eles polo efecto da inflación, que conseguiron compensar a rebaixa de máis de 6.000 millóns de euros de rebaixas nalgúns impostos para facer fronte aos efectos da inflación. A recadación de IVE aumentou case un 18 %, mais do dobre da inflación; as retencións de traballo subiron un 12,6 %, como consecuencia do bo comportamento e da suba salarial e de pensións. A Isto hai que sumar o incremento do IRPF derivado da maior actividade e da falta de indiciación dos elementos do imposto, do mesmo xeito que os bos resultados empresariais aumentaron tamén os ingresos polo imposto de sociedades.

Así, a AIReF revisou esta mesma semana a estimación do déficit para situalo no 4,6 %, catro décimas inferior á previsión que se recolle nos orzamentos xerais do Estado que se están a executar. O groso deste déficit corresponde á administración central, mentres que as comunidades autónomas presentan a data de outubro un desequilibrio do 0,45 %, peor que o dato de outubro do ano pasado debido a un aumento dos gastos e a unha redución dos ingresos como consecuencia da retirada das transferencias extraordinarias que cubriron o exceso de gasto. A seguridade Social, pola súa banda, mellora o seu saldo, como consecuencia do transvase dos gastos impropios ao orzamento xeral.

Con todo, esta recadación extraordinaria non parece que se poida manter durante moito mais tempo, polo que toca ir pensando en axustar o outro lado do orzamento, o dos gastos, para que cando entren en vigor as novas regras fiscais (2024) o país estea en condicións de poder asumilas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade