A reforma da lei de discapacidade promove as obras de accesibilidade nos edificios
Obriga as Administracións públicas a subvencionar as obras necesarias para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida
As comunidades de propietarios deben solicitar as axudas cando o requira unha persoa con discapacidade ou maior de 70 anos
A aprobación do anteproxecto para reformar as leis de dependencia e discapacidade amplía os dereitos das persoas con mobilidade reducida e maiores de 70 anos á hora de tramitar un acceso axeitado á súa vivenda.
A norma esixe axudas económicas maiores das Administracións públicas e obriga as comunidades de veciños a solicitalas para acometer as obras de accesibilidade.
Calcúlase que en España hai 100.000 persoas que non saen da súa vivenda por carecer de infraestruturas accesibles. Ata agora se unha maioría simple dos propietarios da comunidade aprobaba a instalación de ascensores, ramplas ou cadeiras que salvan escaleiras, o resto estaba obrigado a financialos.
Se non había acordo, podíase recorrer ao artigo 10 da Lei de propiedade horizontal, na que un só propietario solicitaba as obras de acceso pero estaba limitado polas achegas que debía facer cada veciño.
"A instalación sería obrigatoria para a comunidade, sen a necesidade de aprobación na xunta de propietarios, sempre e cando non supere as doce mensualidades de cota ordinaria", asegura Teresa Suárez Agrasar, presidenta do Colexio de Administradores de Fincas de Galicia.
Pero o resto do custo da obra tería que asumilo o solicitante. O novo anteproxecto de lei rebaixa do 75 % ao 70 a porcentaxe de financiamento da obra que deben pagar os veciños e amplía as posibilidades das comunidades a acceder a financiamento e axudas.
"Permite flexibilizar as doce mensualidades que comentabamos antes do artigo 10, de xeito que se a comunidade ten posibilidade de financiamento terase en conta esta á hora de computar as doce mensualidades de cota. Ademais, obriga as administracións públicas a que subvencionen a instalación do ascensor e obriga tamén as comunidades de propietarios a que as soliciten", aclara Suárez.
Con estas medidas preténdese axilizar os trámites para que a accesibilidade non se demore no tempo.