A salvo os catro tripulantes dun pesqueiro afundido fronte a Monte Louro, en Muros
A salvo os catro tripulantes dun pesqueiro afundido fronte a Monte Louro, en Muros
O Nuevo Abeijón, con porto base en Noia, afundiu na zona do Neixón na mañá deste martes, segundo informou Salvamento Marítimo
Os catro tripulantes dun pesqueiro afundido fronte a Monte Louro, en Muros, foron rescatados despois de chegar ás rochas tras o naufraxio do barco en que pescaban.
O Nuevo Abeijón, con porto base en Noia, afundiu na zona do Neixón na mañá deste martes, segundo informou Salvamento Marítimo, que recibiu o aviso ás 10:25 horas doutros pesqueiros que se atopaban na zona.
Os barcos trataron de achegarse ao lugar, pero o mal estado do mar e a proximidade das rochas impedían que puidesen auxiliar os tripulantes do pesqueiro, que lograron alcanzar unhas pedras para poñerse a salvo. Alí agardaron a ser recollidos polo helicóptero Pesca 1 de Gardacostas de Galicia, que os trasladou ata o Hospital da Barbanza. No operativo tamén participaron a embarcación Salvamar Regulus e a aeronave Helimer 401.