As augas residuais da Coruña indican que a sexta vaga da covid segue á alza
As augas residuais da Coruña indican que a sexta vaga da covid segue á alza
O proxecto Covid-Bens detecta unha certa estabilización de ómicron nas últimas xornadas
A análise das augas na depuradora detecta que ómicron supón máis de 60 % dos casos na Coruña
A alta incidencia da sexta vaga de covid previuse antes do Nadal nas augas residuais da Coruña. O proxecto de investigación Covid-Bens, que analiza a presenza da covid nas augas da depuradora de Bens, puido coñecer con antelación, xa desde abril de 2020, que a nova variante ómicron ía ser a predominante entre a poboación. Así o destacaba a microbióloga Margarita Poza, directora da investigación, no informativo Bos Días da TVG.
"Aínda que agardabamos que xa serían un 80 % dos casos, nas últimas datas estabilizouse a súa presenza, pero haberá que agardar a ter datos definitivos, xa que houbo moitos movementos de xente e os festivos, que complican a análise", asegura Margarita Poza, microbióloga directora do proxecto Covid-Bens.
A análise das augas residuais non permite polo momento albiscar ou predicir o pico da actual sexta vaga.
"A incidencia da covid segue á alza, en aumento, polo momento e ata que pasen uns días non saberemos o comportamento do virus", aclara Margarita Poza.
Os investigadores deste modelo xa anticiparon antes de Nadal que a ómicron ía desprazar a delta como variante predominante e insisten en que hai que ser cautos, pero aseguran que estas análises permiten predicir o que vai suceder.
"A vantaxe deste modelo é que cando vemos o pico nas augas residuais, nuns días reflíctese nos hospitais que é o importante para anticiparse ás consecuencias da infección na presión asistencial", asegura Margarita Poza.
Un equipo multidisciplinar traballa na depuradora de Bens para detectar o comportamento do virus da covid-19 e axudar no seguimento e control da infección.