A toxina atrasa o inicio da campaña do marisqueo na ría de Muros-Noia
A toxina atrasa o inicio da campaña do marisqueo na ría de Muros-Noia
Pendentes das análises do Intecmar, non poderán saír ao mar antes do xoves
Primeiro foi pola toxina diarreica e agora pola paralizante. O caso é que as embarcacións de marisqueo que traballan na ría de Muros-Noia seguen no peirao de Testal sen poder saír ao mar.
Na última analítica realizada polo Intecmar, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, a toxina superou o límite por pouco. Pero os ánimos están baixos e, no mellor dos casos, non poderán mariscar antes do xoves.
"Este venres baixou de 1.400 microgramos a algo máis de 800. Deu un positivo mínimo. Agora o Intecmar vai facer análises o luns, oxalá dean negativo. Aínda tería que dar outro porque hai que ter dous negativos. Se se fai o martes e dá negativo poderiamos ir o xoves. Pero son especulacións porque penso que nos vai dar a lata mentres non haxa un cambio de tempo", asegura Santiago Cruz, patrón maior de Noia.
Tamén na ría fai falta que chova e que veña o vento do norte para que arrefríe a auga e a toxina desapareza.
As 1.600 mariscadoras e mariscadores das catro confrarías da ría contaban con empezar a actividade o 26 de setembro pero xa vai para tres semanas de espera.
Na última campaña facturaron 17 millóns e medio de euros. E as perspectivas para esta, se a toxina o permite, tamén son boas.
"Temos berberecho coma o ano pasado, temos moita babosa e moita xaponesa. Fina hai menos que o ano pasado, que foi unha campaña boa. Temos recurso pero a natureza non nos deixa quitalo. Non é apto para o consumo. Hai que agardar", explica Santiago Cruz, patrón maior de Noia.
Xa están de acordo en prolongar a campaña durante o mes de abril, para tratar de compensar as perdas deste mes de outubro, que é cando as conserveiras pagan máis polo marisco.